Saturday 23 de November de 2024

O ‘Portal de Transparencia e Goberno Aberto’ da xunta recibiu máis de 4.500 visitas desde que botou a andar o pasado luns


Con máis de mil visitas ao día, este novo portal reafirmase como o punto único, directo e centralizado de toda a información que se debe facer pública á cidadanía

O ‘Portal de Transparencia e Goberno Aberto’ da Xunta de Galicia ten recibido 4.548 visitas, desde que se puxo en marcha o pasado luns, 7 de abril, data na que entrou en vigor a Lei de Transparencia.

Con máis de mil visitas ao día, este novo portal reafirmase como o punto único, directo e centralizado de toda a información que se debe facer pública á cidadanía, de acordo coa nova normativa básica de transparencia e coa lei aprobada a este respecto pola Xunta.

Nos catro día que leva activo o Portal houbo 3.077 visitantes distintos que consultaron 60.949 páxinas. As páxinas máis visitadas están relacionadas cos membros do Goberno e altos cargos, as retribucións, contratación pública e entidades instrumentais.

O Portal http://transparencia.xunta.gal pretende facilitar a procura de información por parte dos cidadáns a través dunha experiencia de navegación máis sinxela, intuitiva e directa. Así pois, os contidos do Portal estrutúranse en catro bloques: A Transparencia, Temas, Solicitude de acceso á información pública e Outras organizacións.

O bloque A Transparencia incorpora contido divulgativo de carácter xeral sobre a transparencia, sobre os niveis alcanzados por Galicia nas enquisas internacionais de Transparencia e en relación a como se organiza o portal e o tipo de información que se poderá consultar nel.

O bloque Temas estrutura en 6 as temáticas sobre as que se poderá consultar e que se corresponden coas obrigas de publicidade activa: Participación e Relacións coa cidadanía; Transparencia institucional, organizativa e de planificación; Información de relevancia xurídica; Información económica, orzamentaria e estatística; Información en materia de persoal; e Ordenación do territorio e medio ambiente.

O bloque Solicitude de acceso á información pública incorpora toda a información necesaria para realizar unha solicitude e o acceso ao formulario desde o cal se pode presentar electronicamente ou proceder á súa descarga para a súa presentación presencial. Ademais incorpora tamén o acceso ao Valedor do Pobo configurado como órgano independente de control ao que lle corresponderá resolver as reclamacións fronte as resolucións en materia de acceso á información pública.

O último bloque, Outras organizacións, facilita o acceso as páxinas de transparencia dos demais organismos, entidades e organizacións incluídas dentro do ámbito de aplicación da normativa de transparencia, así como a outras institucións públicas que desenvolveron nos últimos anos iniciativas en favor da transparencia e bo goberno.

Reúne información dispersa e ofrece contido inédito
O Portal de Transparencia proporciona un acceso sinxelo e directo a contido que antes se publicaba pero estaba disperso, como a normativa en tramitación, as circulares e instrucións de interpretación de normativa, os efectivos de persoal público e as retribucións, perfís e declaracións de actividades dos altos cargos.

Doutra banda, tamén incorpora contido propio e inédito, que é a primeira vez que se fai de acceso público na historia da autonomía. É o caso da relación dos bens inmobles da Xunta, a conta xeral da Comunidade, a información das viaxes dos altos cargos ou as súas declaracións de bens patrimoniais no momento de toma de posesión e cese, por exemplo.