
· Mesa Redonda sobre Poesía Popular Oral con Carlos Callón e Lupe Blanco, Moderada por Nel Barral
Hoxe presentouse esta segunda edición do Bruón Folk Fest 2025 coa presenza do segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, a concelleira de Cultura, Antía Alberte, Ventura Otero, o secretario da Asociación os Liantes máís Jorge Maño, tamén compoñente da asociación.
O Bruón Folk Fest 2025, o festival de Artes (Ribeira) que celebra a música, a palabra e a cultura galega, inaugura a súa esperada segunda edición cun encontro centrado na literatura popular oral e a súa fonda conexión coa música tradicional. A cita será o venres 9 de maio pola tarde, no corazón do festival, ubicado no Centro Recreativo de Artes.
Organizado pola Asociación Cultural Os Liantes, o festival quere comezar esta edición poñendo en valor a riqueza da nosa tradición oral, nun ano en que o Día das Letras Galegas homenaxea, precisamente, ás cantareiras e á literatura popular.
Un Cartel de Luxo para Falar da Palabra Cantada (e Dita): A mesa redonda contará coa moderación de Nel Vidal Barral, figura recoñecida no ámbito da normalización lingüística en Galicia, é membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega. Ocupou tamén a presidencia da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) sendo unha das súas caras máis visibles e activas nesta entidade. O seu fondo compromiso coa tradición oral, entendida como piar da identidade galega, convérteo na persoa idónea para guiar esta conversa e explorar a riqueza deste legado cultural.
Acompañaranlle dúas figuras de recoñecido prestixio:
Carlos Callón: Profesor (USC e IES San Clemente), investigador, escritor e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística. Autor do recente e aclamado libro “Maxicamente vella, eternamente nova. A literatura tradicional galega”, Callón achegará unha visión experta sobre a historia e a vitalidade das nosas cantigas, coplas e outras formas de literatura popular.
Lupe Blanco: Referente indiscutible da regueifa actual. Considerada unha das mellores regueifeiras do país (gañadora de tres Premios Galegos da Regueifa), é a primeira profesional da improvisación oral cantada en galego e unha peza clave na revitalización e formación de novas xeracións nesta arte a través da Escola de Regueifa de Carballo e numerosos obradoiros.
A concelleira de cultura mostrouse moi contenta con esta nova edición onde “o concello contribúe economicamente así como na posta de ideas”, tamén resaltou a diferenciación de ser o único festival folk da contorna.
Suárez-Puerta falou da deslocalización de eventos do centro Ribeira e avogou pola política de ensanchar os eventos ás parroquias. Tamén fixo referencia a que é unha festa familiar para todos e todas independentemente da idade e das modas, “porque levamos o noso patrimonio cultural galego á parroquia durante dous días onde poñemos en valor o noso”.
Otero afirmou que con esta iniciativa, ”o Bruón Folk Fest reafirma a súa aposta por ser máis que un simple festival de música, converténdose nun espazo para a reflexión, a divulgación e a celebración da cultura galega en toda a súa amplitude, conectando co Día das Letras e poñendo en valor o noso patrimonio inmaterial”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.