
O Concello e Santiago e o Ministerio de Asuntos Sociais, Consumo e Axenda 2030 colaborarán na identificación de pisos turísticos ilegais que se anuncien a través de plataformas dixitais. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, mantivo este venres un encontro co ministro de Consumo, Pablo Bustinduy, nunha reunión na que tamén estiveron a tenenta de alcaldesa e concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, e o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás.
No encontro, o goberno que dirixe Goretti Sanmartín expuxo as principais actuacións que se desenvolveron no ámbito municipal en materia social e, nomeadamente, para garantir o dereito á vivenda, que é “a principal preocupación neste momento”. “Non podemos mirar cara outro lado e por iso, este goberno, será sempre un aliado de todas as administracións que traballen para garantir este dereito”, afirmou a rexedora.
Goretti Sanmartín explicou que obxectivo principal deste goberno é preservar o uso residencial da vivenda, mobilizando a vivenda dispoñible e garantindo unha oferta suficiente de vivenda protexida, de distintos tipos, en toda a cidade e non unicamente na periferia. Neste sentido, o goberno municipal mencionou o caso da parcela do antigo colexio Peleteiro, que reserva un 45% de vivenda protexida da superficie construída.
Na reunión, ambas administracións abordaron a comercialización dos aloxamentos turísticos a través das plataformas e, en concreto, da colaboración mutua para que non admitan pisos turísticos ilegais, é dicir, os que carecen de autorización municipal, así como da petición á Xunta de que non os admita no rexistro autonómico (REAT) e que os dea de baixa cando non teñan título habilitante.
“O noso obxectivo é que as vivendas se utilicen para atender as necesidades de quen vive ou quere vivir aquí. Empezamos a percibir os primeiros efectos destas políticas que se enmarcan nas políticas sociais coas que nos comprometemos”, defendeu Goretti Sanmartín, quen lembrou que as políticas que está a desenvolver o goberno de Santiago, que “son un signo de valentía”, están atraendo o interese doutras administracións e agradeceu especificamente que o ministro de Dereitos Sociais e Consumo viñese a Santiago a coñecer de primeira man estas actuacións.
Pola súa parte, o ministro Pablo Bustinduy destacou que o goberno de Santiago “demostrou a súa vontade de buscar solucións ao problema da vivenda, poñer coto aos pisos turísticos e perseguir a súa oferta ilegal”. O Ministerio de Consumo entregou un arquivo de evidencias dixitais dos centos de pisos turísticos que operan irregularmente na cidade e puxo ao dispor do Concello a súa axuda para identificar os que incumpren a normativa e respaldar xuridicamente as actuacións para acabar coa súa comercialización.
Bustinduy tamén indicou que se lle vai trasladar a información á Xunta e instala a “actuar e apoiar aos concellos nesta materia” e trasladou ao Concello un arquivo dixital con información sobre a existencia de 406 anuncios de vivendas turísticas en Santiago, un dato que “contrasta” cos 66 títulos habilitantes concedidos. Tamén trasladou as direccións de 221 pisos turísticos que se anuncian de maneira online na cidade.
Sinatura no Libro de Honra
Con motivo da reunión de traballo, a alcaldesa tamén presidiu unha recepción oficial no Pazo de Raxoi ao ministro no Salón Nobre de Raxoi. Pablo Bustinduy asinou no Libro de Honra do Concello nun acto no que estiveron presentes representantes de todos os grupos da corporación municipal.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.