Saturday 26 de April de 2025

A segunda edición de Folk no Colón suma talento internacional e grandes referentes galegos con Capercaillie, Milladoiro ou Carlos Núñez


O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou a programación completa do ciclo, que suma oito actuacións entre maio e decembro

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou este venres a programación completa da segunda edición de Folk no Colón, un ciclo que se desenvolverá no Teatro Colón entre os meses de maio e decembro con grandes referentes da música tradicional galega, que suma neste segundo ano nomes internacionais como os británicos Capercaillie.
“Este ciclo nace desde o convencemento do Goberno de Inés Rey de reivindicar as nosas raíces musicais e darlles o espazo que merecen nun dos escenarios máis emblemáticos da nosa cidade”, sinalou Gonzalo Castro durante a rolda de prensa de presentación, na que estivo acompañado por Pepe Ferreirós (Milladoiro), Serxo Nunhes (Tiruleque) e Anxo Xesteira (Treixadura).

As entradas para os espectáculos anunciados no día de hoxe poñeranse á venda ao longo deste venres. Para os concertos de Treixadura e Abraham Cupeiro, xa anunciados, a venda xa está habilitada.
“Folk no Colón, nesta segunda edición, medra e amplía o seu cartel con grandes referentes da música galega e anglosaxoa”, apunto Castro. O ciclo comezará o vindeiro 16 de maio coa actuación de Treixadura. Seguirá o 6 de xuño con Abraham Cupeiro, que presentará ‘Loira’, o seu último traballo.
Tras o verán, produciranse a meirande parte das actuacións, a partir de outubro, comezando coa primeira formación internacional do ciclo, os británicos Capercaillie, que farán parada na cidade na súa próxima xira europea. Xa en novembro será a quenda de Milladoiro, outra das formacións de referencia da música galega, con case medio século de historia. Tamén en novembro actuará Felisa Segade, histórica pandereteira e cantareira de Leilía que presenta o seu terceiro disco, ‘Cantares e contares’.

O ciclo pecharase en decembro con outros dos grandes nomes da música tradicional. Por unha banda, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre amosará todo o seu repertorio o día 20. O día 26 será a quenda de Carlos Núñez, o intérprete de música galega máis internacional, que volve a citarse co público coruñés nas datas de Nadal.
II Folk no Colón
● 16 de maio | Treixadura
● 6 de xuño | Abraham Cupeiro
● 10 de setembro | Capercaillie
● 11 de outubro | Milladoiro
● 9 de novembro | Tiruleque
● 21 de novembro | Felisa Segade
● 20 de decembro | Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
● 26 de decembro | Carlos Núñez

Deja un comentario