Saturday 26 de April de 2025

O Concello programa sesións informativas para explicarlle á veciñanza o uso dos novos composteiros comunitarios 


A actividade inclúe charlas nos centros cívicos do Castrillón, Eirís e Monte Alto, a partir do próximo día 29 de abril 

Nas sesións informativas repartiranse caldeiros para facilitar a recollida de residuos orgánicos e o seu traslado ao composteiro 

 Con motivo da posta en marcha dos tres novos composteiros comunitarios que darán servizo, a partir da semana que vén, nos barrios do Castrillón, Eirís e Monte Alto, o Concello programou seis charlas informativas nos centros cívicos dos tres distritos. 

“As sesións dividiranse en dúas partes: haberá unha parte informativa no centro cívico e logo realizarase unha visita ao composteiro para que a veciñanza poida resolver as súas dúbidas e coñecer o novo equipamento”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira. “Ademais, entre as persoas asistentes á sesión repartiranse caldeiros de compostaxe para facilitarlles o labor e que a recollida de orgánico leve e cabo nas mellores condicións”, indicou. 

Os horarios e datas das sesións informativas son os seguintes: 

Centro Cívico do Castrillón 

  • Martes 29 de abril ás 19:00 horas
  • Sábado 24 de maio ás 11:00 horas

Centro Cívico Monte Alto 

  • Xoves 8 de maio ás 18:30 horas
  • Sábado 10 de maio ás 11:00 horas

Nota de Prensa 

Centro Cívico Eirís 

  • Martes 29 de abril ás 17:00 horas
  • Sábado 31 de maio ás 11:00 horas

Os composteiros están situados a unha distancia máxima de 8 minutos a pé desde o centro cívico no que se imparte a charla. 

As persoas interesadas en asistiren ás sesións informativas poden anotarse nos centros cívicos. 

A compostaxe comunitaria consiste en empregar os residuos orgánicos xerados na casa para facer compost de calidade na proximidade dos fogares. A compostaxe realízase de forma controlada co apoio de mestres composteiros, que serán os encargados de que se realice correctamente vixiando parámetros como a humidade, a temperatura e o aireado do proceso de compostaxe na procura de aumentar a calidade do compost final. 

Os novos centros de compostaxe comunitaria están formados por unidades modulares dun metro cúbico, onde se desenvolverán as distintas fases do proceso de compostaxe. Ademais, a carón deste, existirá unha caixa con restos de podas do servizo de xardíns (axente estruturante) para que a cidadanía poida recoller esta materia seca coa que cubrir os seus biorresiduos.

Deja un comentario