Saturday 26 de April de 2025

O Concello de Fene licitou un servizo de limpeza viaria por 88.200 euros para actuar nas oito parroquias


O contrato, xa en execución, arrancou pola parroquia de Sillobre e suporá a limpeza de máis de 400 quilómetros de marxes viarias

A concelleira de Servizos, Sandra Permuy, destaca que o servizo chega no momento axeitado, axuda a previr incendios e mellora a seguridade e a imaxe dos camiños

O Concello de Fene vén de licitar por 88.200 euros o servizo de limpeza e roza das marxes das vías e camiños municipais nas oito parroquias do municipio. O contrato, que ten unha duración dun ano porrogábel por outro, está xa en execución tras iniciar os primeiros traballos en Sillobre, e proseguirá nas demais parroquias ao longo das vindeiras semanas.

As tarefas inclúen a roza e limpeza de marxes viarias nun ancho de tres metros a cada lado da calzada, mediante medios mecánicos e manuais, a retirada de especies vexetais invasoras e a eliminación de vertedoiros incontrolados ou acumulacións de biomasa vexetal que poidan obstruír os sistemas de drenaxe superficial. Ademais, realizarase a poda das árbores que invadan a vertical da calzada a un mínimo de catro metros da rasante.

En total, está prevista a actuación sobre 210 quilómetros de vías, cun total de dous rozas anuais, o que suporá a limpeza de 420 quilómetros. As intervencións realízanse mediante brazos desbrozadores articulados instalados en tractores, complementados por maquinaria e ferramentas manuais alí onde non sexa posíbel empregar medios mecánicos.

A concelleira de Servizos, Sandra Permuy, destacou que “o servizo chega no momento axeitado, cunha primavera de gran crecemento vexetal, e serve para mellorar a seguranza viaria, evitar a propagación de incendios e manter limpas as vías municipais”. Engadiu ademais que “a limpeza e mantemento das marxes viarias é unha prioridade para o goberno local, tanto por motivos ambientais como pola mellora da calidade de vida da veciñanza”.

Con esta licitación, o Concello de Fene reforza os traballos de conservación e prevención en todo o territorio municipal, apostando pola seguridade, a eficiencia e o respecto polo medio.

Deja un comentario