Friday 25 de April de 2025

Arranca a 20 edición das Xornadas literarias coas que Neda se suma ao Ano Castelao


A Casa das palmeiras acollía esta tarde a inauguración da 20 edición das Xornadas literarias de Neda. Unha cita coa que o Concello, cumprindo o compromiso plenario, se suma á conmemoración do Ano Castelao, polo 75 aniversario do pasamento do escritor, político, pintor, caricaturista…

O alcalde Ángel Alvariño; a concelleira de Cultura, Marián Bello, e a decana da Facultade de Humanidades da UDC, Manuela del Pilar Santos, foron os encargados de inaugurar este veterano evento, que converterá a Neda en epicentro cultural de Ferrolterra ata o domingo. Un certame que conta cunha oferta variada, pensada para chegar a distintos públicos.

A modo de prólogo, o alumnado integrante do Club de lectura Pantasmas de Papel do IES Fernando Esquío, preparou un breve percorrido pola vida e obra do homenaxeado, un “galego universal”, en palabras do rexedor municipal, poñendo de releve o carácter poliédrico deste intelectual esencial na historia de Galicia. Deseguido, o escritor e crítico literario Manuel Rei presentaba o relatorio “Castelao, desta terra e deste tempo”, unha achega para proxectar unha imaxe real do autor nunha perspectiva histórica e actual.

Mañá, a partir das 18 h, novas conferencias. Tres colaboracións ben distinguidas para afondar no achegamento a quen foi no exilio o primeiro presidente do Consello de Galicia. Así, Francisco Rodríguez, escritor e crítico literario, presenta o relatorio “Castelao: Galiza con vontade de existir”. O ilustrador e editor Kiko Da Silva cambiará o enfoque en “Toda arte ten patria. Toda arte é froito dalgunha terra”. E finalmente, a profesora de sociolingüística da UDC e escritora Pilar García Negro disertará sobre “O valor literario da obra de Castelao”.

Finalmente, cómpre apuntar ademais que ata este venres ao mediodía será posible inscribirse no obradoiro de ilustración “Versioleandro ao Castelao”, que dirixirá o artista Leandro Lamas o sábado, de 11 a 13 horas, na Casa da Cultura.

Deja un comentario