Friday 25 de April de 2025

Carballo homenaxea a poesía popular oral cun Programa das Letras que lembra ás cantareiras e pandeireteiras


As actividades, que se prolongan do 30 de abril ao 30 de maio, inclúen tamén propostas teatrais, exposicións, citas audiovisuais ou xornadas formativas

Carballo afronta este ano o Día das Letras Galegas como unha conmemoración moi especial, xa que a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o 17 de maio á poesía popular oral, personificándoa en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). É unha representación colectiva coa que se recoñece a importancia da tradición oral que acompaña a nosa sociedade desde sempre. Por ese motivo, o título do Programa das Letras de Carballo é “Canta miña compañeira”, recollendo un verso dunha cantiga que fai referencia aos lazos de miles de cantareiras ou pandeireteiras que ao longo do tempo crearon e conservaron unha rica poesía popular oral, que foi transmitida de xeración en xeración. Grazas a mulleres coma elas, chegaron a nós coplas, ritmos, bailes, contos, xogos, remedios e costumes.

O Concello de Carballo está orgulloso de contar cun fértil tecido asociativo que durante anos mantivo vivo este patrimonio inmaterial grazas ás nosas cantareiras e pandereiteiras, e por iso o mes de maio será o mes das letras cantadas, cun programa que inclúe diversas propostas teatrais, musicais, exposicións, proxeccións audiovisuais, encontros ou actividades formativas coa arela de ofrecer unha visión global. A través de diferentes disciplinas, as actividades do programa afondan na nosa riqueza inmaterial, moi vixente hoxe en día e que serve de base tamén para á innovación sen perder de vista a tradición. Son citas para todos os públicos que tamén visitarán os centros de ensino para achegar as letras á mocidade e que mesmo estarán nos centros de maiores de Carballo.

Presentación do programa

Para presentar o intenso e interesante programa, este xoves reunimos no Pazo da Cultura ao alcalde, Evencio Ferrero; as concelleiras e concelleiro das tres áreas implicadas na organización, Maruxa Suárez, de Cultura e Festas; Ángeles Pacoret, de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, e Ramón Varela, de Mocidade, e a representantes das cinco entidades que suman tamén o seu traballo a esta gran homenaxe a cantareiras e tocadoras: AC San Campio de Cances, AC Nemeth, AC Escola do Alprende, AC Arume de Verdillo e ADCR Baldaio.

No nome desas entidades falou Belén Mato, que destacou o papel fundamental que xogaron tantas mulleres ao longo dos anos para conseguir preservar un patrimonio cultural tan importante. “Este día das Letras significa satisfacción, por suposto, significa tamén un recoñecemento a ese traballo de tantos anos de campo, de investigación e de recompilación de todo ese material que nós recollemos, pero sobre todo é unha merecidísima posta en valor do labor desas mulleres como transmisoras do noso saber popular a través das súas coplas, das cantigas e da poesía oral”.

A concelleira Maruxa Suárez, que foi a encargada de expoñer o programa, expresou o orgullo do Concello de Carballo por poder contar cun fértil tecido asociativo que é quen de continuar co legado das pioneiras, e quixo poñer en valor, precisamente, a gran implicación das entidades colaboradoras para dotar dun contido propio, e polo tanto único, a gran festa das Letras Galegas. “Vós sodes as portadoras dese legado para as futuras xeracións de cantareiras”, manifestou.

Ángeles Pacoret centrou a súa intervención na exposición Letras cantadas, outra actividade colaborativa que vai marcar a diferenza, e que permite “deixar claro unha cousa moi básica: que o galego non é unicamente unha lingua para falar senón que serve tamén para cantar, non serve unicamente para comunicarnos senón para tecer comunidade, e temos aí unhas raíces ben présas na terra que son as que fan que esa árbore estea forte e robusta”.

Ramón Varela, que ademais de concelleiro de Mocidade é un gran coñecedor da tradición musical galega, lembrou que a homenaxe do 17 de maio é extensiva a todas as mulleres cantareiras, e que por iso desde o Concello quixo dedicarlle a celebración ás mulleres cantareiras de Carballo: “ás que foron, ás que son e ás que van vir”.

O alcalde, pola súa banda, destacou que por vez primeira a Real Academia Galega rachou co criterio de dedicar o 17 de maio a persoeiros falecidos como mínimo dez anos antes, “porque a lingua cantada ten moita vitalidade, ten moito futuro, e agradezo que ese criterio se trocase para poñer en valor outras cousas que forman parte da realidade presente. Polo tanto _dixo Evencio Ferrero_, o meu recoñecemento a esta acertadísima decisión da Real Academia Galega, que por primeira vez cambiou ese criterio para facer algo que socialmente era unha verdadeira necesidade, e que, ao mesmo tempo serve, nunha comarca coma Bergantiños e nun concello coma Carballo, o extraordinario valor que ten o patrimonio artístico, cultural e musical”.

O programa, acto a acto

Dentro do programa, unha das citas máis salientables é o Concerto das Letras Galegas 2025 titulado As cantareiras e a poesía popular oral. Cada ano o Consello da Cultura Galega únese á celebración do Día das Letras con esta cita que xunta música e palabra e que ten lugar cada ano en distintas vilas e cidades de Galicia. Neste ano 2025, no que se homenaxea ás cantareiras e á poesía popular oral, a entidade propuxo que o concerto tivera lugar en Carballo como recoñecemento á riqueza deste patrimonio inmaterial no noso municipio e comarca. Once artistas procedentes da música tradicional, da música popular e da música moderna conforman un espectáculo creado expresamente para esta cita, coa fin de render a súa particular homenaxe a través dun repertorio musical que comeza e remata na Costa da Morte.

Con Mens e as súas pandeireteiras como lugar de partida, o percorrido lévanos por toda a xeografía galega: das terras do sur de Ourense cos canteiros de Faramontaos ao canto de Nadal de Adolfina e Rosa na comarca de Cerceda; das mulleres de Gharghamala en Mondariz aos cantos de Cervantes, na montaña luguesa, con parada no Soutomaior de Maruxa das Cortellas antes de regresar a Camariñas. Unha viaxe a través do tempo e dos sons que configuran a banda sonora da nosa vida cotiá, cunha envoltura contemporánea a través da sonoridade do jazz. O Concerto das Letras Galegas 2025 terá lugar o venres 16 de maio ás 20.30 horas no Pazo da Cultura. Está organizado polo Consello da Cultura Galega e conta coa colaboración do Concello de Carballo.

As cantareiras de Carballo non podían deixar de ter un protagonismo especial no programa. Por iso o Concello, co afán de darlle o seu espazo ás asociacións municipais, estivo mantendo desde principios de ano xuntanzas con elas para que participasen tamén na organización do programa, o que dou froito coa organización de distintas actividades. Así, o sábado 3 de maio terán lugar as xornadas Vivan as do meu lugar (de 11.00 a 19.30 horas), un encontro para poñer en valor o papel das asociacións e agrupacións de música tradicional de Carballo e de Bergantiños no seu papel como conservadoras do patrimonio tradicional musical e oral. A cita contará con encontros con artistas como Mercedes Peón, Alana, Su Garrido Pombo ou De Ninghures, coa presentación dos libros Somos pandeireteiras e a colección Chave Mestra de aCentral Folque, cun faladoiro sobre a importancia das asociacións locais na preservación do repertorio tradicional de Carballo e a comarca ou con outro sobre novos xeitos de compilar e difundir a música de tradición oral.

Así mesmo, ese mesmo día terá lugar o concerto Canta, miña compañeira, titulado coma o verso que lle da nome a todo o programa. Nel poderemos desfrutar do bo facer das Cantareiras de Arume de Verdillo, das Cantareiras de Nemeth, das Cantareiras de San Campio de Cances, das Cantareiras do Candil e de As Tocadoras do Alprende. A cita é ás 20.00 horas no Pazo da Cultura.

Ademais, as letras de 2025 teñen espazo para unha exposición titulada Letras Cantadas, que poderá visitarse nas Escolas do Xardín Agra de Caldas. A mostra réndelle homenaxe a varias das cantareiras máis emblemáticas do municipio, referentes dunha xeración de mulleres que fixeron da voz un vehículo de memoria, identidade e resistencia. A exposición recoñece tamén o labor das asociacións culturais que hoxe manteñen viva esta tradición e sementan o futuro con novas voces. Música e literatura entrelázanse neste percorrido polas letras cantadas, para lembrar que a palabra nace tamén con música, e que, grazas a estas mulleres, segue viva, vibrante e presente. O acto de inauguración será o venres 16 de maio ás 18.00 horas e a mostra poderá visitarse até o 1 de xullo en horario de 10.00 a 13.00 horas. O Día das Letras Galegas abrirá de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 19.00 horas. A cita está organizada polas Concellarías de Mocidade, Normalización Lingüística e Cultura coa colaboración das seguintes entidades: AC San Campio de Cances, AC Nemeth, AC Escola do Alprende, AC Arume de Verdillo e ADCR Baldaio.

Xabier Díaz e Cantometrics
O Programa das Letras arrinca o xoves 30 de abril coa presentación do libro Cancioneiro Serodio (1989-2012) de Xabier Díaz. Un dos nomes propios da música de raíz galega recolle a transcrición dos textos líricos das case cincocentas entrevistas que foi realizando ao longo de trinta anos de camiño, adornándoos de anécdotas, sorpresas e fantásticas historias das propias informantes, protagonistas tamén das fotos, e dunha morea de audios orixinais das compilacións, que redimensionan o concepto de cancioneiro. Este é un traballo que abrangue o total do territorio galego -as catro provincias, e mesmo os territorios arraianos- e que xorde da viaxe dun mozo de vinte anos que comenza a facer traballos de campo como ese amador, curioso e afeccionado polo noso folclore que aínda segue a ser. A presentación é ás 20.00 horas no Pazo da Cultura.
Esta cita chega a Carballo grazas á Deputación da Coruña, ao igual que Efémeras de Cantometrics, que estará no Pazo da Cultura o venres 9 de maio. Trátase dun concerto de música tradicional inspirado nas obras fotográficas de Ruth Matilda Anderson. A cita abre as fronteiras a outras posibilidades sonoras incorporando o folk ou a música electrónica, nunha linguaxe acorde coa estética musical do século XXI. Unha creación musical baseada na imaxe e na vídeo creación a cargo de cinco músicos galegos, algúns dos cales están vencellados a Carballo.

Teatro e documental
A música chega este ano ao Programa das Letras en todas as súas formas, por ese motivo tamén inclúe unha cita audiovisual coa proxección do documental Lévame a idea, tamén o venres 2 de maio. Esta obra é un recoñecemento ás creadoras e divulgadoras da música de tradición oral galega, auténticas protagonistas na súa creación, recuperación e difusión. A cita contará coa presenza das directoras Vanesa Siso, Laura Varela e Iria Villares, coas que haberá un coloquio ao rematar.

O teatro tampouco podía faltar no programa, desta volta cunha nova visita a Carballo de Grupo Chévere que presentan As fillas bravas de Momán 2025. As Fillas Bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta, porque son fillas do vento, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos.
Elas veñen a reafirmar modelos apoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan cantos de rebeldía insospeitados, creando e transmitindo un tremendo repertorio de creatividade colectiva arredor da música, o baile e o canto. Esta divertida proposta escénica é unha festa colectiva creada por unha das compañías de teatro galegas máis importantes, protagonizada por Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar. A cita é o xoves 15 de maio ás 20.30 horas no Pazo da Cultura e conta con adaptación á lingua de signos.
A tradición oral nos centros de ensino
Este ano o Programa das Letras tamén conta cunha especial vontade didáctica, xa que está previsto levar tamén as letras cantadas aos centros de ensino do municipio. Do 5 ao 7 de maio nos centros de Primaria con María Faltri e a proposta Coa pandeireta na man. A través deste espectáculo musical, lúdico e participativo que rende homenaxe ás cantareiras, o alumnado terá a oportunidade de achegarse á riqueza da música tradicional galega e á importancia da tradición oral.
Os centros de Secundaria tamén contarán cunha cita musical, neste caso o luns 19 de maio e o xoves 22, a cargo de As Tocadoras do Alprende e Cantareiras de Nemeth. Unha cita en horario escolar para achegar a nosa tradición oral musical. Ademais, os centros de maiores tamén poderán desfrutar da súa cita, neste caso o venres 2 de maio co Coro Aires de Bergantiños. Visitarán a Residencia Domus VI (Pedra Furada) e a Residencia de Maiores de Carballo (Praza de Vigo). Será ás 17.00 e 18.00 horas, respectivamente.

Outras citas
As entidades de Carballo sempre teñen un lugar especial nos programas culturais do municipio, e no programa das Letras, ademais de contar este ano coa colaboración especial das cantareiras, atopamos outras citas coordinadas polas asociacións culturais e veciñais do municipio:
O sábado 10 de maio a AC e AX Arume de Verdillo organizan Somos porque foron… ruada das Cereixas.
O 17 de maio, o mesmo día das letras, a Asociación Cultural Lumieira organiza o Concurso Infantil de Debuxo e Pintura Luís Calvo que xa cumpre 43 anos de vida.
O Local Social de Cances acolle o 18 de maio a presentación do libro Cantareiras de Xosé M. Varela e Icía Varela.
E o programa remata o 30 de maio co Encontro Bergantiñán, unha homenaxe dos centros educativos ás cantareiras a través da música e do baile que está organizada polos IES Monte Neme, Parga Pondal e Alfredo Brañas de Carballo e polo IES Eduardo Pondal de Ponteceso. A cita será na Praza do Concello.
ENTRADAS
A maioría das citas do programa son de entrada libre ata completar o aforo. Aínda que hai dúas propostas que requiren compra de entrada e outras dúas nas que se require convite.
É preciso comprar entrada na billeteira do Concello en www.carballo.gal para:
O concerto de CANTOMETRICS “Efémeras” do venres 9 de maio no Pazo da Cultura. O prezo é de 5€/3€ con desconto.
A función de teatro de Grupo Chévere As fillas bravas de Momán 2025, tamén no Pazo da Cultura o xoves 15 de maio. O prezo é de 5€/3€ con desconto.
É necesaria reserva previa para:
As Xornadas Vivan as do meu lugar do sábado 3 de maio no Pazo da Cultura. Inscrición no correo electrónico <vivanasdomeulugar@gmail.com>.
Reserva previa de convite na billeteira do Concello en www.carballo.gal para o concerto do CONSELLO DA CULTURA GALEGA do venres 16 de maio, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura.

Deja un comentario