Thursday 24 de April de 2025

A Xunta colabora coa divulgación da lírica Galego-Portuguesa ao abeiro do proxecto Universo Cantigas


— O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presenta ‘I Cantigas de amor’, o primeiro dos tres volumes resultado da investigación sobre poesía medieval

— A iniciativa enmárcase na conmemoración do Día das Letras Galegas, que terá lugar o vindeiro 17 de maio e que este ano homenaxea ás Cantareiras

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación da obra I Cantigas de amor, elaborada no marco do proxecto Universo Cantigas co que a Xunta colabora para a divulgación da lírica galego-portuguesa. Trátase do primeiro dos tres volumes que se publica, como resultado do traballo de investigación sobre a poesía medieval iniciado en 2016.

No acto que se celebrou na Coruña, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou “o compromiso do Goberno autonómico coa conservación e protección deste legado literario que forma parte da nosa identidade e cultura galegas”. Deste xeito, agradeceu aos profesionais que estudan e interpretan estas obras co obxectivo de difundir o patrimonio literario galego e achegarllo a toda a cidadanía.

Neste senso, o secretario xeral da Lingua fixo fincapé na promoción da nosa literatura ao abeiro da vindeira celebración do Día das Letras Galegas, o 17 de maio, e que este ano homenaxea ás Cantareiras. Ao abeiro desta cita, aproveitou para presentar tamén, na cidade herculina, a obra comentada por Manuel Rico Verea, Canto popular galego, que pon en valor a Luis María Fernández Espinosa, figura clave na historiografía dos cancioneiros galegos de tradición oral.

Co apoio a este tipo de proxectos, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continua co impulso do uso e prestixio do idioma a través do proceso iniciado no marco do Pacto pola Lingua que continúa coas reunións de máis dun cento de expertos que conforman as comisións para renovar o Plan xeral de normalización da lingua galega.

Deja un comentario