Thursday 24 de April de 2025

Rueda reivindica a aposta pola innovación e a humanización como piares do modelo sanitario galego


 Destaca a integración no sector público autonómico dos tres grandes institutos de investigación sanitaria de Galicia

 Salienta o carácter pioneiro das políticas da Xunta no eido de investigación, incluíndo a creación da primeira categoría profesional estatutaria de persoal investigador sanitario

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na entrega do XXX Premio Rafael Hervada á Investigación Biomédica, un acto celebrado coincidindo co 55º aniversario do Hospital San Rafael. Nesta edición, o galardoado foi Emilio Rodríguez Ruiz, médico intensivista do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) e investigador sobre a humanización da asistencia sanitaria.

Rueda destacou que a ciencia e a medicina deben camiñar da man, e que en Galicia este principio tradúcese nun modelo asistencial baseado en dous eixos fundamentais, tamén protagonistas neste acto: a innovación e a humanización. Nesta liña, o titular do Goberno galego reafirmou o compromiso da Xunta cunha sanidade pública moderna, próxima e centradas nas persoas.

O presidente subliñou a importancia do legado do doutor Rafael Hervada e de Benigna Peña, fundadores do Hospital San Rafael, pola súa visión pioneira dunha medicina que combina asistencia, formación e coñecemento. Unha visión que, segundo indicou, segue plenamente vixente nun contexto onde tecnoloxía e intelixencia artificial fan máis necesaria ca nunca a dimensión humana da asistencia sanitaria.

Entre os avances impulsados pola Xunta neste eido, o xefe do Executivo autonómico destacou a integración no sector público autonómico dos tres grandes institutos de investigación sanitaria de Galicia: o IDIS, en Santiago de Compostela; o INIBIC, na Coruña; e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, en Vigo. Esta medida permitiu reforzar a estabilidade, coordinación e recoñecemento do persoal investigador, que suma en Galicia máis de 2.600 profesionais distribuídos en 180 grupos e 21 áreas especializadas.
Rueda salientou tamén o carácter pioneiro das políticas da Xunta no ámbito da investigación, coa creación da primeira categoría profesional estatutaria de persoal investigador sanitario, e convenios colectivos específicos xa formalizados para o persoal dos institutos.

Ademais, reafirmou a aposta pola atracción e retención do talento científico con iniciativas como a Fundación GALTIA, destinada a facilitar o retorno e a captación de investigadores de primeiro nivel a nivel internacional.

I+G+i, investigación e innovación con ADN galego
No marco do novo Plan Galego de I+D+i 2025-2027, dotado cun investimento sen precedentes de 1.310 millóns de euros, Galicia aspira a situarse á cabeza da innovación biomédica en Europa, cun enfoque propio baseado na excelencia, na transferencia de resultados á sociedade e na implicación activa do persoal clínico. Un modelo que a Xunta define como i+G+i, é dicir, investigación e innovación con ADN galego.

O presidente tamén fixo referencia á estratexia de humanización da asistencia sanitaria, posta en marcha en 2018 con medidas que inclúen horarios ampliados nas áreas pediátricas e renovación de hospitais de día. Ademais, todas as UCIs galegas permiten a presenza durante 24 horas dos pais en caso de nenos ou neonatos, adaptando así mesmo todos os seus espazos de adultos para que conten con cubículos individuais cunha contorna máis humanizada para os pacientes.

Estas condicións implantáronse a través de reformas específicas tanto no hospital de Santiago como no de Ourense, e vaise implantar nas ampliacións en marcha na Coruña, Ferrol ou Pontevedra, ademais de estar xa presentes nos hospitais máis novos do Sergas (Lugo e Vigo). Estas accións buscan facer da sanidade pública galega un espazo máis acolledor e centrado no benestar emocional dos doentes.

Deja un comentario