
Xa están en marcha as obras de pavimentación na estrada das Labradas á Ponte de Bértoa
O Concello de Carballo ten en marcha cinco importantes proxectos viarios que acadan os dous millóns de euros de investimento. O obxectivo das actuacións é seguir acondicionando as vías consideradas estruturais, ben polo intenso uso que teñen ou ben por unir parroquias, aumentando o ancho da calzada cando é posible e pavimentándoa en todos os casos con aglomerado en quente.
Esta semana comezaron os traballos de pavimentación na estrada que enlaza As Labradas (Carballo) coa Ponte de Bértoa. Ata alí achegáronse os concelleiros Miguel Vales e Juan Seoane. As obras, que teñen un orzamento de 207.666,23 euros, teñen como finalidade regularizar o trazado e mellorar a seguridade ao longo dos 2.050 metros de vía, que nalgúns puntos ampliouse para conseguir unha media de seis metros de ancho en todo o percorrido. En total pavimentarase unha superficie de 12.900 metros cadrados cunha capa de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros. Tamén están incluídas a drenaxe de pluviais e a sinalización horizontal e vertical.
Nas próximas semanas realizarase tamén o aglomerado no resto das vías, nas que xa se levaron a cabo os traballos de limpeza e ancheamento nos puntos onde foi posible. Na estrada do Moucho (Verdillo) á Piña (Sofán), o investimento acada os 381.297,90 euros, e permitirá acondicionar a capa de rodaxe ao longo dos 3.900 metros de vía. A actuación terá carácter discontinuo debido a que parte do trazado discorre polo concello da Laracha. En total pavimentarase unha superficie de 21.097,50 m2. Tamén están incluídas no proxecto a drenaxe de pluviais e a sinalización.
Antes do verán tamén se rematará a vía de Arnados (Razo) a Sambade (Rebordelos), que ten un orzamento de 576.614 euros. A actuación será moi semellante ás anteriores, con ampliación do ancho da calzada onde sexa posible, limpeza de gabias e unha capa de aglomerado nunha superficie de 26.000 metros cadrados.
Ao longo dos 4.675 metros de vía tamén se procederá á drenaxe de pluviais e á sinalización horizontal e vertical. Ademais, está prevista a construción de dous muros de coieira de 20 e 40 metros de longo e 1 de alto no treito comprendido entre os lugares do Igrexario e Sambade, e no lugar de Arnados construirase unha senda peonil, na marxe esquerda, nunha lonxitude de 230 metros. Tanto en Arnados coma no Igrexario de Lema está previsto realizar a pavimentación con formigón, seguindo o modelo que estamos a utilizar nos núcleos rurais tradicionais.
A cuarta actuación en marcha é a segunda fase da vía que enlaza as parroquias de Rus e Entrecruces. Despois do investimento realizado entre A Canosa e O Pereiro Vello, que superou os 230.000 euros, agora tamén se vai aglomerar o treito que vai desde O Pereiro Vello ata Outón, cun orzamento de 391.797,88 euros. O investimento total nesta vía superará, polo tanto, os 600.000 euros.
A actuación desenvólvese ao longo de 3.330 metros de vía do mesmo xeito que as anteriores, con limpeza de gabias, drenaxe e estendido de aglomerado nunha superficie de 22.725 metros cadrados. Na zona de cruce da vía cos ríos Calvos e Vilar de Cima está previsto un sobreancho de un metro por cada marxe. No lugar do Outón será preciso construír un muro de coieira de 35 metros de lonxitude e algo menos de 3 de alto.
A estas catro estradas sumarase a que enlaza a rotonda do polígono industrial de Bértoa coa da estrada de Razo, prevista no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co obxectivo de desconxestionar a estrada comarcal AC-552, na que se concentra moito tráfico sobre todo nos horarios de saída dos traballadores e traballadoras do parque empresarial. Na primeira fase, que é a que está en execución, pendente tamén do aglomerado, acometerase o treito desde o polígono ata a avenida dos Abetos e a rúa Médico Justo Martínez, a través dos cales crearase un itinerario alternativo.
A actuación ten un orzamento de 541.218 euros. Este primeiro treito da nova vía terá 800 metros de lonxitude e case 14 metros de ancho, con dous carrís de circulación de 3,20 metros de ancho, beiravías de 1,20 metros, cunetas de 1 metro e unha senda mixta, para ciclistas e peóns, de 3 metros de ancho, pola marxe dereita da vía. Para contribuír á seguridade das persoas usuarias da senda tamén está prevista no proxecto a instalación de alumeado. Ademais, ao longo deste itinerario mixto plantaranse 35 árbores para garantir espazos de sombra que faciliten o seu uso e contribúan á redución das emisións de CO2.
Nesta primeira fase tamén se inclúe o acondicionamento da rúa Médico Justo Martínez, coa roza de 1.260 metros cadrados e a explanación de 105 metros lineais que se atopan na actualidade en saburra para acometer a posterior pavimentación.