Thursday 24 de April de 2025

O Concello de Carballo destina este ano un total de 976.000 euros a subvencións para o fomento do deporte


As entidades beneficiarias das axudas nominativas asinaron hoxe os convenios de colaboración nun acto celebrado no salón de sesións
Representantes das 10 entidades deportivas que recibirán este ano subvencións nominativas asinaron esta mañá no salón de sesións os correspondentes convenios de colaboración co Concello de Carballo, que estivo representado polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez.
Este ano destinamos un total de 976.000 euros a subvencións para o fomento do deporte.
Deta cantidade, 651.500 euros non chegan a liquidarse ás entidades, pois corresponden ao valor da utilización gratuíta das instalacións deportivas para a súa actividade.
Dos 324.500 euros restantes, 205.000 distribúense entre as convocatorias en concorrencia, abertas a todas as entidades deportivas locais para financiar proxectos de actividade xeral, de eventos deportivos e de participación en fases de ascenso ou campionatos de España, e tamén para escolas deportivas de base en centros de ensino, e os outros 119.500,00 € corresponden aos convenios asinados hoxe.
As subvencións nominativas están destinadas a financiar proxectos de actividades deportivas que polas súas características non encaixan nas convocatorias ordinarias en concorrencia, ben sexa polo volume da actividade, tipoloxía, condicionantes da xestión económica do proxecto ou repercusión no sistema deportivo local. Os proxectos subvencionados este ano son os seguintes:
• 70.000 euros ao Bergantiños FC para a participación en competicións deportivas federadas.
• 4.500 euros para Escolas Balonmán Xiria para o financiamento do Carballo Handball Festival 2024.
• 6.500 euros a Escola Basket Xiria para o 10º Día do Pequebasket.
• 3.000 euros á Sociedade Deportiva Sofán para o Torneo de fútbol base SD Sofán 2025.
• 9.000 euros ao Club Ciclista Carballo para a Challenge Júnior Carballo.
• 6.000 euros á Asociación Deportiva e Cultural Voleipraia Costa da Morte para as Escolas deportivas de voleipraia.
• 9.000 euros ás Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz para o Torneo sub 16 Concello de Carballo.
• 3.500 euros á Escola Lubiáns de hóckey e patinaxe para o V Torneo 3×3 Hóckey Carballo.
• 6.000 euros á agrupación deportiva Un paso máis para o programa de actividades deportivas inclusivas en horario extraescolar.
• 2.000 euros a Lenda Educativa SCG para o programa de deporte inclusivo en medio acuático.

Deja un comentario