Thursday 24 de April de 2025

O obradoiro de emprego A Laracha IX actúa na mellora do peche perimetral do IES Agra de Leborís


O programa, apoiado pola Xunta de Galicia, conta cun total de 20 alumnos traballadores en dúas especialidades.

Na Laracha está en plena actividade o noveno obradoiro de emprego que organiza en solitario o Concello co apoio económico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia. O programa é unha nova aposta polas políticas activas de emprego, xa que ofrece ao alumnado a posibilidade de formarse en sectores con crecente demanda de traballadores cualificados co obxectivo de mellorar os seus coñecementos e capacidades para facilitar a súa posterior inserción no mercado laboral, ao mesmo tempo que está vinculado ao Concello cun contrato de formación durante os nove meses de duración do obradoiro de emprego.

O Obradoiro de Emprego A Laracha IX consta de dúas especialidades: a de traballos en carpintería e moble e a de pintura industrial en construción, con dez alumnos en cada unha delas. Tralo desenvolvemento da fase teórica, a parte práctica consiste na realización de traballos de interese xeral para a cidadanía larachesa.

A especialidade de pintura industrial en construción está a centrar o seu labor nestes días na mellora do peche perimetral do IES Agra de Leborís. As intervencións consisten na limpeza con hidrolimpadora dos postes de formigón que conforman o peche perimetral do centro educativo, aos que a continuación se lle aplican hipocloritos para eliminar o verdín e unha imprimación que facilite o posterior pintado ao tratarse dunha superficie porosa.
O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, supervisaron os traballos no encontro mantido no propio instituto coa directora do obradoiro, o mestre da especialidade e parte do alumnado.

Ademais destas actuacións no IES Agra de Leborís, o obradoiro de emprego durante os próximos meses realizará melloras no paseo fluvial do Anllóns, no mobiliario urbano, no centro sociocultural de Paisoaco, na nave municipal do parque empresarial, nos campos de fútbol Municipal da Laracha e A Porta Santa de Paiosaco e creará unha nova caseta modular para o servizo de salvamento e socorrismo na praia de Caión.

O Obradoiro de Emprego A Laracha IX presenta un orzamento superior aos 541.000 euros, dos cales a Xunta de Galicia achega 412.000 euros e o Concello, 129.000. A isto súmanse outros 18.000 euros que a Consellería achegaría como incentivos á contratación do alumnado traballador por parte de empresas privadas unha vez completada a súa formación.

Deja un comentario