
A iniciativa, organizada co colectivo Salgadiñas, achegará unha mostra de talento feminino con pezas artesás, obradoiros e actividades de dinamización
Celebrarase os días 2, 3, 9 e 10 de maio na primeira e segunda planta do mercado, en horario de 10.00 a 14.30 horas
O Concello da Coruña impulsa, por petición das praceiras, unha nova proposta para seguir transformando os mercados municipais en espazos abertos á cultura, ao comercio local e á creatividade. Os días 2, 3, 9 e 10 de maio, a primeira e segunda planta do mercado da praza de Lugo acollerán un mercadiño artístico e artesanal protagonizado por mulleres creadoras galegas, organizado en colaboración co colectivo Salgadiñas.
A actividade desenvolverase en horario de 10.00 a 14.30 horas e ofrecerá unha ampla mostra de cerámica, ilustración, xoiería, téxtil, velas artesanais e produtos naturais elaborados á man. Ademais dos postos de venda, incluirá un programa de obradoiros e accións de dinamización para todos os públicos.
“A praza de Lugo converterase nun escaparate do talento feminino e nun punto de encontro coa creatividade da nosa contorna”, sinalou a concelleira de Mercados, Diana Cabanas, quen puxo en valor esta iniciativa como exemplo do esforzo municipal por darlles nova vida aos mercados tradicionais e apoiar o pequeno comercio, o emprendemento e o consumo consciente.
O Goberno local promoveu por primeira vez esta proposta no ano 2023 como unha fórmula para potenciar os espazos municipais e ofrecerlles oportunidades reais ás creadoras locais, co para consolidar así un modelo de mercado máis dinámico, sostible e conectado coa cidade.
A celebración deste mercadiño reafirma o compromiso do Goberno de Inés Rey coa cultura de proximidade, a igualdade e a dinamización comercial dos barrios, para converter os mercados nun motor de cohesión e identidade urbana.
A cita contará coa participación de once marcas galegas que representan unha ampla diversidade creativa: Lunazul Velas, especializada en velas artesanais ecolóxicas con esencias naturais; Antonia Studio, proxecto de deseño sostible que transforma materiais con novas vidas; Te Cielo Handmade, que ofrece bolsos e accesorios feitos á man con cariño e tecidos únicos; e Zen Tolas, cunha coidada selección de cerámica e bixutería artesanal.
Completan a mostra El Taller Muy Secreto, recoñecida polas súas pezas téxtiles decorativas cargadas de fantasía; Laboratorio Vintage, que mestura moda vintage e creatividade urbana desde o corazón da cidade; Mónica Coto, artista plástica que traballa entre o collage, a pintura e a escultura; Pasamarela, marca de complementos e roupa feitos á man con identidade atlántica; Bea C. Barros, ilustradora e creadora multidisciplinar; e Zeltia | Xoiería ao aire, que combina natureza e arte en xoias inspiradas no vento e no mar.