
Ademais, en paralelo a esta intervención, o Concello acometerá proximamente a remodelación da parada n.º 85 da rúa Honduras, unha actuación cofinanciada con fondos Next Generation
Este venres arrincarán os traballos preliminares para remodelar a parada de autobús número 45 do servizo de transporte urbano da Coruña, situada no sector oeste da avenida de Gran Canaria, no barrio de Labañou.
Con esta medida, o Goberno de Inés Rey busca darlles resposta ás solicitudes da veciñanza atendendo á configuración actual da parada, dividida en dous sectores, cun paso peonil encaixado entre medias, cara ao cruzamento coa rúa Honduras. Isto restaba visibilidade ao paso de viandantes, “circunstancia que supuxo, nalgúns momentos, accidentes e problemas de seguridade viaria”, tal e como expuxo a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
Para solucionalo, o Concello suprimirá o paso peonil existente e creará un novo máis adiante da parada, no cruzamento entre Gran Canaria, Honduras e Colombia. Este novo paso de viandantes será elevado, o que tamén contribuirá a amainar o tráfico.
Aproveitando a intervención, tamén se reurbanizarán parcialmente os espazos públicos que hai na confluencia entre a rúa Colombia e a avenida de Gran Canaria —en sentido de acceso a esta última—, para crear un itinerario peonil acorde cos fluxos de mobilidade da veciñanza, “co que se evitará así o cruzamento peonil indebido pola calzada”, explicou Noemí Díaz.
As melloras nas paradas de autobús de Labañou chegan á rúa Honduras
A previsión do Concello é que, ademais da reorganización da parada de autobús 45 na avenida de Gran Canaria, tamén se acometa nas vindeiras semanas o plan de melloras formulado na parada número 85 da rúa Honduras, situada a poucos metros da primeira.
Esta intervención forma parte da folla de ruta marcada polo Goberno de Inés Rey en 16 paradas de autobús da cidade, onde se está a mellorar a accesibilidade grazas á captación de fondos europeos Next Generation.
Actualmente, coa metade das paradas de autobús previstas xa executadas, o Concello está a traballar na de San Pedro de Mezonzo e agora avanza cara ao barrio de Labañou e fará o propio nos de Monte Alto e os Rosales, con actuacións programadas na avenida de Navarra e nas rúas Emilio Azaña e Emilio González López.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.