Thursday 24 de April de 2025

Gran participación veciñal nas charlas informativas coidados e prevención do cancro organizadas polo Concello de Frades


A próxima sesión versará sobre enfermidades mentais tanto dende o punto de vista da persoa enferma como dende a súa familia

O centro sociocomunitario de Ponte Carreira vén de acoller a segunda charla informativa sobre coidados e prevención do cancro, organizada polo Concello de Frades dentro do seu programa de xornadas gratuítas sobre a saúde posto en marcha o verán pasado. A primeira, realizada unha semana antes no local social O Vedral (Abellá), tamén foi un éxito de participación veciñal.

“Estamos moi satisfeitos coa boa acollida que están a ter este tipo de xornadas pois serven para resolver moitas dúbidas, darlle visibilidade á enfermidade e que se dean conta de que non todo é cancro, pero que é unha realidade que está aí e é importante coñecer tanto as recomendacións para previr esta enfermidade como os servizos e axudas dispoñibles para facer a vida máis levadeira tanto ás persoas enfermas como ás súas familias”, explica Manuel Ferreiro, concelleiro de Sanidade.

Prevención e cribados

Así, Iria Villar, educadora social e técnica de prevención e información da Asociación Española contra o Cancro, explicoulles aos veciños e veciñas de Frades que é o cancro e amosoulles os datos desta enfermidade a nivel nacional, autonómico e provincial. Así mesmo, fixo fincapé na importancia tanto da prevención e de manter un estilo de vida saudable (sen fumar, nin beber alcol) como na detección precoz.

Neste sentido, instou a todas as persoas presentes a asistir a todos os cribados para os que son solicitados, exemplificando que hai tipos de cancro que se poden curar nun 90%, se son detectados nun primeiro momento, mentres que a porcentaxe baixa considerablemente segundo pasan os anos. Finalmente, Iria Villar aproveitou para explicar os distintos servizos que ofrece a Asociación Española contra o Cancro, tanto ás persoas enfermas como ás súas familias.

O concelleiro de Sanidade amósase moi satisfeito coa participación veciñal nas charlas realizadas en Abellá e Ponte Carreira, polo que anuncia que “estamos traballando para facer unha nova xornada antes do verán sobre enfermidades mentais, alzhéimer, demencia… tanto dende o punto de vista da persoa enferma como das familias”.

Deja un comentario