Thursday 24 de April de 2025

No Día do Libro presentouse un vento literario chamado “Jarroa” que soprou con forza no Lustres Rivas


Na tarde de hoxe, Día do Libro, tivo lugar a presentación literaria de “Jarroa” da escritora da Illa de Arousa, Andrea Fernández Plata que nos achega a vida lustrada dunha illa sen ponte, un pasado, uns veciños illados que viven entre maxias inexplicables cunha linguaxe propia nunha constante viaxe de ida e volta.

No marco dos actos que está organizando durante todo o mes a Concellería de Cultura pola conmemoración do Día das Artes Galegas, que neste ano homenaxea a Isaac Díaz Pardo, convocouse está presentación informal en formato entrevista coa concelleira de Cultura, Antía Alberte e a propia escritora, Andrea Fernández.

A concelleira repasou a traxectoria de Andrea, unha nova escritora que é tamén ilustradora que estudou comunicación audiovisual en Madrid, gravación en Betanzos, estivo en Berlín cunha beca de fotografía para despois voltar ás súas raíces na illa onde decidiu restaurar a casa onde viviu, a casa dos seus avós, para convertela en “La Platanera” que é un proxecto creativo onde se pode facer retiros artísticos, residencias artísticas, en definitiva unha casa aberta para os amantes da creatividade.
“Crieime en galego pero pasaba unha cousa…, que para que non se rían de ti fora, porque iso pasaba, falábanche directamente en castelán. Crecín escoitando en galego e falando castelán” aludiu Fernández. O libro está editado en castelán pero afonda no galego que lle achega á prosa unha capa de realismo ancestral.

A autora falou dos nexos da ilustración e a escritura, “debuxar é unha forma de escribir, é unha forma de resolver, dunha folla en branco a unha historia, a un conto, crieime de conto en conto”.
O libro se mergulla en tempos dunha illa sen ponte onde e a maxia se mestura coa realidade nunha secuencia de ventos con nome propio, cos males do aire, coa chamada ao trasno cun asubío. “Ese illamento foi quen de conservar un patrimonio natural e cultural” sinalou Antía.
“Jarroa é o que chaman os mariñeiros a unha brisa fresca que chega no verán xusto cando está rematando, porque este libro ten moito da morte como comezo doutra cousa”.

Para rematar o acto a nova escritora leu unha pasaxe do libro que se podía mercar no acto coa presenza da libraría ler de A Pobra do Caramiñal.

A sala estivo chea e cun ambiente moi distendido polo formato da propia presentación. Hoxe Ribeira e a Illa estiveron máis xuntas grazas á Jarroa.

Deja un comentario