Thursday 24 de April de 2025

Concello e rapazada de San Sadurniño organizan este venres un serán de xogos de mesa na Casa da Xuventude


A área de Participación busca crear un grupo que se implique no deseño de programacións e que sexa xermolo dunha participación máis ampla da xente nova na toma de decisións

 

A mocidade que vén participando nos encontros promovidos polo Concello nas últimas semanas organizou para o serán deste venres unha nova cita, que estará centrada nos xogos de mesa. Serán elas e eles quen traian da casa os xogos que queiran, sexan clásicos -parchís, damas, baralla…- ou máis modernos, como poden ser os de estratexia. A actividade, que non require inscrición previa, desenvolverase na Casa da Xuventude, de 18:30 a 20:00h. A iniciativa pretende crear un espazo de lecer que facilite novas relacións e fomente a participación social. Tamén se aproveitará a sesión para dar a coñecer o funcionamento do grupo e animar a máis xente nova a sumarse.

Esta xornada do 25 de abril ofrecerá unha nova oportunidade de sondar o interese da mocidade en actividades deste tipo, combinando entretemento con participación activa. A concelleira de Participación e Axenda 2030, Raquel Piñeiro, salienta que se trata de “ofrecer un espazo de lecer no que, ao mesmo tempo, poidan ampliar as relacións máis alá das amizades habituais ou do eido escolar”.

A actividade foi promovida pola rapazada que participa nas asambleas impulsadas polo Concello hai unhas semanas, nas que se fomenta a súa implicación directa na vida pública local. “Non temos un programa en marcha, pero temos intención de facer algo nese eido”, explica Piñeiro, quen recoñece que o colectivo xuvenil, especialmente o de entre 12 e 16 anos, adoita quedar fóra do deseño das políticas públicas locais.

A concelleira insiste en que antes de tomar decisións estruturais, como por exemplo a creación dun Consello Local da Infancia e Adolescencia (CLIA) que desempeñe funcións de representatividade, é preciso avanzar con pasos máis prácticos e cercanos á realidade da mocidade. Por iso, estas primeiras experiencias servirán para “escoitar as súas demandas, intereses e necesidades, e decidir a partir de aí o contido e alcance das futuras accións”.

Entre as ideas que se están barallando están a recuperación dos “Venres SanSa” de hai uns anos, a posta en marcha dunha actividade deportiva no ximnasio durante o verán —coordinada con persoal técnico— e mesmo posibles xornadas sobre nutrición, hábitos saudables e sexualidade. A prioridade é comprobar se hai interese real antes de poñer en marcha estas propostas.

Tamén se está a explorar o interese en actividades de carácter tecnolóxico como drons, impresión 3D ou robótica, que se poderían organizar coa colaboración da Aula Cemit. “Pero para iso precisamos ampliar o grupo, de momento temos pouca xente con ese interese”, apunta Piñeiro, deixando claro que o proceso “está aberto á participación e ás achegas da mocidade”.

A concelleira insiste en lanzar o convite para que a xente nova con idades entre os 12 e os 16 anos (ou máis, tampouco pasa nada) se sume ao serán de xogos de mesa organizado para este venres 25 de abril -Casa da Xuventude, 18:30h-. “Seguro que o pasan ben xogando e parolando ao seu xeito, e seguro que entre partida e partida xurdirán ideas e propostas moi interesantes”.

Deja un comentario