Sostén que este foi un ano récord en exportacións, tamén no que ao téxtil se refire. “Dos 18.500 millóns de euros que xeraron as nosas vendas no exterior, o 21,6% correspóndelle ao este sector”, di
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe a confianza e o éxito do téxtil galego no mundo: “Vós tecedes fío a fío a gran marca que é Galicia”, dixo durante o acto de inauguración da exposición “Con fío en Galicia” na Cidade da Cultura.
O titular da Xunta lembrou que este foi un ano récord en exportacións, cun superávit nas contas tamén no que ao téxtil se refire. “Dos 18.500 millóns de euros que xeraron as nosas vendas no exterior, o 21,6% correspóndelle a este sector, cun incremento de máis do 16% respecto ao exercicio anterior”, dixo. Un pulo -que tal e como indicou-, ten unha excepcional repercusión nos que vivimos dentro, “40.000 galegos traballan de forma directa e indirecta hoxe por hoxe neste sector, que achega máis do 7% do Produto Interior Bruto”.
Nesa liña, Feijóo sinalou que Galicia é o principal centro empresarial e de deseño de Europa e un dos principais do mundo pese a ser unha das rexións máis periférica e malia non contar coas materias primas que se requiren para o téxtil.
Ademais, aseverou que os deseñadores galegos permiten que milleiros de homes e mulleres espallen polo mundo unha parte do que sabemos facer e do que somos, o noso téxtil. Un fito que só consegue este sector e polo que os galegos como pobo estamos en débeda con toda a xente que se dedica ao téxtil. Así o atestan os datos, dixo, porque preto de 300 téxtiles galegas exportan arestora a 100 mercados diferentes, levando a marca Galicia aos principais mercados do mundo.
Entre as que se atopan, tal e como sinalou o titular da Xunta, a Sociedade Téxtil Lonia con Purificación García e Carolina Herrera, Bimba & Lola, D-Due, Etiem, Nanos ou Alba Conde. “Fixéronse cun oco no panorama internacional nun momento de enorme dificultade”, engadiu.
A este respecto, Feijóo afirmou que todas estas empresas seguen o camiño que abriu a número un do mundo, o grupo Inditex co seu abano de marcas, e outros precursores como Adolfo Domínguez, Florentino e Roberto Verino, aos que se foron unindo Pili Carrera, María Moreira ou Kina Fernández entre outros. No seu conxunto “configuran a maior concentración téxtil do mundo en 30.000 km cadrados e constitúen unha enorme visión empresarial”, dixo.
Finalmente, Feijóo subliñou que estas empresas foron capaces de levantar grandes estruturas practicamente da nada, e que conseguiron abrir novos mercados para os seus propios proxectos a 7.000 millóns de consumidores e “abrírllelos ao noso proxecto común, que é Galicia”.