Thursday 24 de April de 2025

O pleno acorda incorporar ao orzamento 731.000 euros do remanente para financiar investimentos e programas de interese xeral 


Houbo unanimidade dos tres grupos municipais en ambas votacións.

Os tres grupos municipais aprobaron por unanimidade as dúas cuestións que foran elevadas polo Goberno local ao Pleno extraordinario celebrado hoxe.

En primeiro lugar abordouse o Plan Económico Financeiro sen medidas para o exercicio en curso e o de 2026 de acordo ao restablecemento das regras fiscais definidas pola Lei orgánica de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira á que volven estar suxeitas as administracións. A incorporación de remanentes ao presuposto do curso 2024, que posibilitara un maior volume de investimento, supuxera un desequilibrio entre os ingresos e os gastos, o que implicou a obrigatoriedade de presentar ao Pleno o citado Plan de cumprimento formal e sen medidas, xa que a recuperación dos obxectivos de estabilidade orzamentaria e da regra de gasto lograríase coa simple aprobación dos orzamentos, tal e como xa sucede no actual 2025. Nesta cuestión o alcalde, José Manuel López Varela, opinou que “tendo medios e fondos dispoñibles, os remanentes deberían poder utilizarse sen problema”.
O outro asunto foi precisamente o expediente de crédito extraordinario e suplemento de crédito que permitirá a incorporación aos orzamentos deste ano de 731.491,06 euros procedentes do remanente líquido de tesourería que deu como resultado a liquidación do exercicio económico do ano 2024 para o financiamento de gastos considerados urxentes e inaprazables, todos eles de interese xeral para a cidadanía larachesa.

O proxecto de maior importe, que alcanza os 215.000 euros, é o da reforma da cuberta do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha necesaria para mellorar a impermeabilización. O alcalde informou de que “esa obra é unha primeira parte; a segunda fase será a futura instalación dun sistema de produción de enerxía fotovoltaica para a que xa hai solicitada unha subvención. Despois das obras, sacarase a nova licitación para a concesión da xestión e explotación das instalacións”.
Outra parte importante dos fondos, máis de 200.000 euros, empregaranse na mellora da rede viaria municipal, con proxectos tanto nos núcleos urbanos como nas zonas rurais para facilitar o tránsito de vehículos e peóns, favorecer as comunicacións, reforzar a seguridade viaria mediante a sinalización horizontal e vertical e actuacións de mantemento na iluminación pública.

Tamén quedan consignados os fondos necesarios para actuacións de mellora da eficiencia enerxética e da accesibilidade en instalacións nas que se desenvolven actividades culturais, así como para a reapertura do centro social de Paiosaco, cuxo contrato de explotación vai ser licitado en próximas datas.
Nos eidos patrimonial e turístico, dispoñer do remanente permitirá levar a cabo traballos de sinalización na Ribeira de San Fins e no Castro de Montes Claros, así como instalar unha nova pasarela de madeira nunha das entradas principais á praia de Caión para mellorar a accesibilidade.

Ante este alto volume de obras de mellora das infraestruturas municipais, tamén se reforza a partida orzamentaria destinada a honorarios da redaccións de proxectos, anteproxectos e direccións de obra.
En canto a iniciativas de interese xeral para a cidadanía larachesa, co remanente increméntanse os fondos para a posta en marcha de plans dirixidos a potenciar o comercio local, reforzar o programa municipal de actividades, organizar eventos culturais especialmente durante o próximo verán e levar a cabo campañas de sensibilización medioambiental sobre a xestión dos residuos sólidos urbanos.

Deja un comentario