
A entidade mobilizou máis de 500.000 euros nun total de 38 proxectos desenvolvidos en colaboración con máis dun centenar de entidades locais
Un ano máis, a Fundación Emalcsa reforza o seu modelo de intervención sostible e de proximidade
A alcaldesa e presidenta da Fundación Emalcsa, Inés Rey, puxo hoxe en valor o papel da entidade “como axente impulsor do benestar social, cultural e deportivo da Coruña”. Fíxoo tras a celebración do padroado da Fundación, que tivo lugar este mércores e no que se fixo balance dos programas e actividades promovidos ao longo do ano pasado.
Ao longo do exercicio, desenvolvéronse un total de 38 proxectos que contaron coa colaboración de máis de dun centenar de entidades so tecido asociativo local e permitiron beneficiar directamente a máis de 23.000 persoas. O conxunto destas iniciativas mobilizou máis de 500.000 euros, procedentes tanto de fondos propios como de alianzas público-privadas, o que reforza o modelo de cooperación sobre o que se sustenta o labor da Fundación.
O impacto destas cifras vai máis alá do plano cuantitativo. Os datos reflicten unha aposta continuada por xerar oportunidades, reducir desigualdades e fortalecer os lazos comunitarios na cidade. A través cunha acción coordinada con asociacións, empresas e a Administración, a Fundación Emalcsa logrou consolidar un ecosistema de intervención local baseado na proximidade, na resposta áxil e no acompañamento no longo prazo ás persoas que máis o necesitan. Todo iso baixo un modelo de xestión que exemplifica o potencial da colaboración entre o público e o privado para construír unha cidade máis equitativa e participativa.
Coruña Acompaña: unha intervención social próxima, integral e sostida
No ámbito social, a Fundación Emalcsa seguiu fortalecendo o seu programa Coruña Acompaña, que agrupa diversas liñas de intervención centradas en atender a persoas en situación de vulnerabilidade desde unha perspectiva integral. Só a través do programa Aflote prestouse apoio a 178 familias en cuestións tan esenciais como acceso á vivenda, o comedor escolar ou a atención domiciliara a persoas maiores. En total, outorgáronse 206 axudas cunha inversión total de máis de 150.000 euros.
O acompañamento continuado tamén estivo presente noutras dúas liñas clave: Aliad@s, que facilitou itinerarios de inserción sociolaboral para 53 rapaces e rapazas en risco de exclusión social, e Norte, un programa de prevención en saúde mental que, co apoio de profesionais especializados, atendeu a 209 persoas. A aportación da Fundación Emalcsa para a posta en marcha de ambos programas foi de 26.600 euros.
Cultura para todos e todas: inclusión, accesibilidade e participación
A cultura como ferramenta de inclusión e transformación volveu a ser un dos piares de actuación da Fundación Emalcsa durante o 2024. A través da VIII Convocatoria do programa Cultura Accesible e Inclusiva, impulsáronse 15 proxectos de 15 entidades diferentes que apostaron polo acceso equitativo á creación e á participación cultural, especialmente entre persoas con discapacidade, colectivos vulnerables e mozos e mozas en risco de exclusión social. As propostas abarcaron desde a música e as artes escénicas ata a creación artística e o traballo con novas narrativas inclusivas mediante un investimento de 100.000 euros.
Máis de 5.000 persoas participaron nestas actividades, desenvolvidas en colaboración con un total de 59 entidades sociais coruñesas. A diversidade de formatos (obradoiros de creación artística, teatro adaptado, concertos accesibles…) reflectiu un enfoque transversal e participativo, que situou ás persoas no centro do proceso cultural. Esta liña de traballo consolida o compromiso da Fundación Emalcsa cunha cultura que non exclúe, senón que une, representa e transforma.
O deporte como motor de inclusión social
O programa Deporte Solidario e Inclusivo mantivo en 2024 un papel clave como vía de acceso ao benestar físico, emocional e social para persoas en situación de vulnerabilidade. A través deste programa, a Fundación Emalcsa apoiou un total de 20 proxectos impulsados por 20 entidades deportivas locais que promoven a práctica do deporte desde un enfoque integrador. As actividades desenvolvidas estiveron especialmente dirixidas a persoas con diversidade funcional, menores en risco de exclusión e outros colectivos con barreiras de acceso ao deporte convencional.
Máis de 17.500 persoas participaron nestas iniciativas, postas en marcha en colaboración con 85 entidades sociais coruñesas e que abarcaron disciplinas como o fútbol, hóckey, atletismo, natación adaptada ou actividades multideporte inclusivas. Os clubs e asociacións que formaron parte desta X Convocatoria de Deporte Solidario e Inclusivo contribuíron a xerar espazos de encontro, traballo en equipo e superación persoal. Esta liña de actuación amosa o valor do deporte non só como actividade saudable, senón tamén como ferramenta educativa e de integración real na comunidade.
Un modelo de colaboración e sostible para xerar impacto
O modelo de traballo da Fundación Emalcsa baséase na colaboración estreita entre o público e o privado, unha fórmula que permitiu consolidar programas sociais con alto impacto e sostibles no tempo. Ao longo de 2024, o respaldo de empresas e entidades como Inditex, Vegalsa-Eroski, Gadis ou a Fundación María José Jove resultou clave para ampliar o alcance das iniciativas e responder de maneira áxil e coordinada aos retos sociais da cidade.
Ademais, a Fundación Emalcsa mantén unha aposta clara por aliñar a súa actividade cos principios de responsabilidade social e desenvolvemento local. A través dun enfoque de cooperación e alianzas, segue construíndo redes de colaboración que reforzan o impacto dos seus programas e permiten avanzar cara una cidade máis equitativa e participativa.
Unha traxectoria sostida no tempo de impacto social, cultural e deportivo
Ao longo dos últimos anos, a Fundación Emalcsa ten consolidado un modelo de intervención local sostido e eficaz, articulado arredor de tres eixos estratéxicos: o apoio social directo, a cultura inclusiva e o deporte como motor de integración. Esta traxectoria prolongada no tempo permite facer balance do impacto real e acumulado do traballo da entidade.
O programa Aflote, orientado a dar resposta a necesidades básicas de familias en situación de vulnerabilidade, permitiu outorgar máis de 3.175 axudas desde a súa creación, beneficiando a 2.577 familias e canalizando un investimento superior aos 1,8 millóns de euros.
Pola súa banda, o programa Deporte Solidario e Inclusivo apoiou 248 proxectos deportivos de 47 entidades locais, promovendo a práctica deportiva accesible e inclusiva entre máis de 200.000 persoas beneficiarias directas ao longo das súas dez edicións. O investimento acumulado neste programa supera os 2,5 millóns de euros.
No eido cultural, o programa Cultura Accesible e Inclusiva impulsou 105 proxectos desenvolvidos por 24 entidades e dirixidos a fomentar a participación activa de persoas con diversidade funcional, colectivos vulnerables e mocidade en risco de exclusión. Máis de 49.000 persoas participaron nestas actividades culturais accesibles desde a súa primeira convocatoria cun investimento acumulado de máis de 750.000 euros.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.