O titular da Xunta precisa que, xunto cos 14 vehículos que van destinados aos concellos, tamén se renovan outras 43 motobombas titularidade da Administración autonómica que estarán á disposición dos distritos forestais
A poucos meses de que sexa presentado o Plan de Prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia correspondente a este ano (Pladiga 2016), o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a posta á disposición de varios concellos de Galicia e dos diferentes distritos forestais dun total de 57 vehículos motobomba que supuxeron un investimento de máis de 11 millóns de euros.
Durante o acto de entrega destes vehículos, Feijóo precisou que son un total de 14 motobombas as cedidas a diversos municipios: 1 para a o Concello de Boqueixón (A Coruña); 8 para os concellos de Cervo, Folgoso do Courel, Guntín, Pol, A Pontenova, Quiroga, Samos e Taboada, en Lugo; 3 na provincia de Ourense, para os municipios da Peroxa, Vilar de Barrio e a Mancomunidade do Ribeiro; e, 2 para os concellos pontevedreses de Agolada e As Neves. E, afirmou que con estes 14 novos camións a Xunta leva renovado 42 motobombas de concellos que son sedes dos GES e doutros municipios que asinan convenios de colaboración para a extinción de incendios.
“E xunto con estes 14 vehículos que van destinados aos concellos, hoxe tamén se renovan outras 43 motobombas titularidade da Xunta que estarán á disposición dos distritos forestais”, engadiu.
A prevención, un compoñente fundamental na loita contra os lumes
Ao longo da súa intervención, Feijóo reafirmou o compromiso do Goberno galego na loita contra os lumes forestais e incidiu en que nesa loita hai un compoñente fundamental: a prevención. “E a prevención – dixo- faise a través da concienciación da cidadanía e con medios físicos para intentar diminuír desde o primeiro momento o risco dun lume. A precaución, a vixilancia e os tempos de resposta son claves para actuar ante os lumes”.
Neste contexto, o titular da Xunta destacou e agradeceu o traballo que cada ano desenvolven as 7.000 persoas que participan no dispositivo antiincendios. “Agradecer o seu esforzo e a súa capacidade estratéxica para afrontar os lumes”, precisou.
Así mesmo, Feijóo fixo fincapé en que a loita contra os lumes forestais e a súa erradicación “é algo que nos compete a todos”: á Administración, fomentando a revalorización do monte e poñendo os medios e os recursos precisos para mellorar a súa conservación e facer fronte a calquera alerta de incendio forestal; aos propietarios e comuneiros, implicándose no mantemento e na limpeza dos montes; e á cidadanía en xeral, “sendo conscientes de que destruír o noso patrimonio ambiental é destruír o futuro de Galicia”.
Nesta liña, resaltou que o Goberno galego duplicou as achegas –de case 25 millóns de euros en 2015 a preto de 51 millóns para 2016- para fomentar a mellora da ordenación forestal; a mellora selvícola das masas arboradas; os usos que permitan un maior aproveitamento enerxético da biomasa forestal; a produción de castañas, cogomelos e outros froitos do monte; e para crear áreas silvopastorís.
“O que buscamos é a ordenación das producións forestais para acadar un aproveitamento do monte economicamente rendible, socialmente beneficioso e, por suposto, ambientalmente respectuoso”, dixo, destacando tamén que a Lei de montes establece que os montes veciñais en man común deberán reinvestir o 40% dos seus ingresos para a mellora e a protección forestal dos seus propios terreos, e o 100% no caso de que se visen afectados por lumes, pragas ou temporais.
Feijóo lembrou que actualmente en Galicia hai máis de 3.000 comunidades de montes veciñais e en man común, conformadas por 150.000 comuneiros.