
Máis dun 30% das prazas previstas, incluíndo as de quenda libre, promoción interna ou mobilidade, están destinadas aos servizos municipais de seguridade e emerxencias
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe a Xunta de Goberno Local, que lle deu luz verde á cesión gratuíta de catro parcelas municipais ao IGVS para facilitar a construción de máis dun cento de vivendas de promoción pública na cidade
O Concello convocará este ano unha oferta pública de emprego de 125 prazas, unha medida que, tal e como expuxo a alcaldesa, Inés Rey, “servirá para reforzar o cadro do persoal municipal nos diversos servizos existentes”.
A OPE prevista neste 2025 aprobouse está mañá na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, que ratificou a distribución específica das prazas por tipoloxía e escala administrativa. Serán 52 de acceso libre, outras 67 correspondentes á quenda de promoción interna e, ademais, seis postos da categoría de policía local que se cubrirán pola quenda de mobilidade.
Entre os postos de traballo previstos na OPE 2025 inclúense prazas para técnicos/as de Administración xeral, auxiliares administrativos/as e xestión, así como tamén para os Servizos Sociais municipais e as redes dos Museos Científicos e as Bibliotecas. Tamén haberá dúas prazas para cubrir efectivos no corpo municipal de Bombeiros.
Un dos aspectos destacados da OPE é que máis dun 30% das prazas previstas, incluíndo as de quenda libre, promoción interna ou mobilidade, están destinadas aos servizos municipais de seguridade e emerxencias, aplicando unha taxa de reposición do 125%, a máxima que permite a lei. Haberá, ademais, catro prazas reservadas a persoas con discapacidade, todas elas, de quenda libre.
“Desta forma, seguimos reforzando o noso compromiso coa mellora dos servizos municipais da cidade, así como coa creación de emprego público”, subliñou Inés Rey.
O Concello cédelle catro parcelas ao IGVS para facilitar a construción de vivenda
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou definitivamente a cesión gratuíta de catro parcelas de titularidade municipal ao IGVS, polo que se abre camiño así á construción de máis vivenda de promoción pública na cidade.
“Como xa anunciamos a inicios de febreiro, cando lle demos luz verde a esta medida, estes catro soares están situados nos Rosales, no Ensanche e no lugar de Pedro Fernández, na contorna da Pasaxe. Por medio desta cesión, o que facemos é facilitar a creación de 120 vivendas protexidas que contribuirán a incrementar o parque residencial en réxime de alugueiro, unha das principais necesidades que temos na Coruña en materia de vivenda”, explicou a alcaldesa.
Tal e como informou semanas atrás o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, a previsión do Concello é que 70 destas 120 vivendas de promoción pública se constrúan nos Rosales; entre 35 e 40 no lugar de Pedro Fernández; mentres que na contorna da praza da Porticada se estima que sería posible construír 15 vivendas.
Licenza para construír 60 novas vivendas no barrio de Xuxán
Ademais, dándolles continuidade aos asuntos de vivenda, a Xunta de Goberno Local tamén concretou a concesión de licenza que habilitará a cooperativa Galivivienda a construír outras 60 vivendas en Xuxán. Xa o mes pasado, o Concello autorizou precisamente a Galivivienda a construír 50 novas vivendas, tamén en dous soares edificables en Xuxán, que se destinarán a alugueiros sociais.
“Agora, damos un paso máis no pulo ao desenvolvemento residencial do barrio, facilitando a construción de 60 vivendas máis na parcela Z-35, nun edificio que tamén contará con rochos, locais comerciais e garaxe. O investimento previsto pola cooperativa é de 2,1 millóns de euros e o prazo de execución para completar as obras é de 36 meses”, detallou a alcaldesa.
Recuperación de dous soares edificables na rúa Buenavista, no barrio dos Castros
No apartado de licenzas tamén destaca, como expediente particular, a concesión de licenza para facilitar a demolición de dous edificios en ruínas situados na rúa Buenavista, nos Castros. Inés Rey detallou o contexto desta medida, “que permitirá rematar cun foco de insalubridade no barrio e dará resposta a unha demanda veciñal que se remonta a hai máis dunha década”.
Ademais, no referente ás medidas que está a executar o Concello para recuperar soares abandonados e edificables nos diversos barrios da cidade, tamén se aprobou hoxe a concesión dos permisos necesarios para a construción de vivendas nunha parcela da rúa Coronel Cerviño, en Monte Alto.
A atención ás persoas sen fogar do Centro Social de Labañou, adxudicada
Noutra orde de asuntos, o Concello adxudicou hoxe o servizo de atención ás persoas sen fogar no Centro Social de Atención Continuada de Labañou, que contará con 16 horas diarias de asistencia, de luns a domingo. Axiña será a empresa encargada de prestar o servizo, que contará cun investimento de máis de 600.000 euros a dous anos vista. O contrato poderá prorrogarse anualmente por outros dous exercicios máis.
Cómpre lembrar que, xa o pasado verán, o Concello completou a primeira fase para a remodelación das antigas instalacións do albergue de Labañou, que complementa os demais recursos cos que contamos no Concello para atender a persoas en situación de exclusión social, ao permitir que dispoñan de espazos de descanso.
Máis de 770.000 euros en investimentos no Aquarium Finisterrae
Tamén hoxe, a Xunta de Goberno Local aprobou a saída a concurso do servizo de mantemento biolóxico do Aquarium Finisterrae, unha iniciativa necesaria para o coidado das especies que hai na instalación e, en consecuencia, fundamental para o desenvolvemento das actividades divulgativas que alí se levan a cabo. En total, destinaranse máis de 770.000 euros á prestación do servizo, un contrato que será prorrogable por outros dous anos máis.
“O investimento municipal na rede de Museos Científicos Coruñeses vai máis alá das infraestruturas, e este é un caso que así o evidencia. Con todo, e tal como expuxemos ao presentar os Orzamentos Municipais, a medio prazo temos previsto realizar un esforzo importante na renovación dos nosos museos, espazos patrimoniais de alto valor para o tecido cultural e divulgativo da cidade. No caso do acuario, o ano pasado culminamos as obras de ampliación e mellora do sanatorio de focas e, paso a paso, ímoslles dando resposta ás necesidades detectadas tamén na Domus e na Casa das Ciencias, onde están en marcha diversos traballos para impermeabilizar as cúpulas do edificio”, detallou Inés Rey.
Saída a concurso do servizo de comunicación ambiental
A maiores, hoxe confirmouse a saída a concurso do servizo de actividades de educación, sensibilización e comunicación ambiental, unha iniciativa coa que o Concello contribúe a concienciar a cidadanía sobre a importancia de coidar a nosa contorna.
Este servizo chega aos centros educativos da cidade e tócalles de preto ás novas xeracións para inculcarlles valores como o respecto ao medio natural, a economía circular e a sustentabilidade. A previsión de investimento do Concello é de 300.000 euros a dous anos e será un contrato prorrogable por outros dous exercicios.
Luz verde ao convenio de colaboración co Concello de Arteixo
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o convenio que se asinou co Concello de Arteixo hai dúas semanas, cando se acordou un marco de colaboración conxunto que lles permitirá a ambos os concello traballaren cunha planificación compartida en materia de territorio e actuacións que teñan un impacto positivo tanto na Coruña como no municipio arteixán.
“Como xa expuxemos na sinatura do protocolo de colaboración, tanto o alcalde Carlos Calvelo coma min, vemos necesario estreitar a colaboración entre a cidade e os concellos da área metropolitana porque, independentemente do que indiquen os mapas ou a xeografía, tanto A Coruña como os concellos próximos comparten sinerxías en materia económica, demográfica e social, tamén no referente ao transporte e á mobilidade”, razoou a alcaldesa.
Ademais, tal e como se informou días atrás, o convenio establece a posibilidade de que Arteixo e A Coruña concorran de forma conxunta a convocatorias de captación de fondos europeos, unha medida que ambas as partes entenden beneficiosa para cofinanciar actuacións susceptibles de teren un impacto positivo nos dous concellos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.