Thursday 24 de April de 2025

O BNG pedirá no vindeiro pleno que se tomen medidas para rebaixar o incremento récord do prezo dos alugueiros en Oleiros, os máis caros xa do país con cifras disparatadas


Segundo o Observatorio da Vivenda de Galicia e o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) da Xunta, os alugueiros medios nos concellos da Galiza sitúan a Oleiros no alarmante e preocupante dato de ser o Concello do país cos alugueiros medios máis caros neste ano 2025. A cifra é desorbitada e alcanza os 886 euros. A evolución no conxunto do país é disparatada, mais en Oleiros as cifras en Oleiros reflexan na práctica, a inaccesibilidade real ao aluguer para a inmensa totalidade da cidadanía. Os datos da Xunta con incrementos, aínda que comúns e terroríficos en todo o país, son distópicos en Oleiros.
Preguntaremos que medidas ten previsto pór en marcha o goberno municipal para tentar reverter esta alarmante tendencia do prezo dos alugueiros en Oleiros.
Ademais, o noso portavoz municipal fará varias preguntas sobre temas que afectan á cidadanía, entre elas:
Redacción dun novo PXOM para atender ás novas realidades e necesidades de Oleiros
O PXOM é o instrumento básico de ordenación integral do territorio. Nos últimos tempos se están a producir sucesivas reformas como poden ser o SUD 22 O Río, a de Bastiagueiro, revisións de aliñacións, baixos comerciais..
Dende o BNG consideramos que Oleiros precisa un novo PXOM, lembremos que o actual é do 2009, para facer fronte as novas realidades do turismo masivo, emerxencia climática, saturacións, sobreabundancia de gasolineiras, proliferación absoluta de centros comerciais, AXENDA 2030, PMUS, necesidades urxentes de vivenda protexida … unha nova ordenación do territorio pensada para as persoas e baseada na sustentabilidade, xestión de residuos, consumo de enerxía e auga, etc.
Pediremos ao Concello que considere a posibilidade dun novo PXOM, no caso de que considere que o actual non dea cobertura a todas as necesidades actuais.
Necesidade de creación dunha liña de transporte no interior de Oleiros
Após a supresión da liña de Lorbé ao Burgo achamos que parte da poboación do interior do Concello ficou orfa, existe algunha iniciativa alternativa de creación dunha liña interior que tamén se trasladou á Xunta para que a empresa concesionaria puider estudala e no seu caso poñela en marcha.
Preguntaremos ao Alcalde sobre esta cuestión e sobre as conversas entre Xunta e concello sobre transporte.

Máis estacionamento só para residentes en lugares de avalancha estival
Unha solución posíbel para solucionar os problemas de tráfico e problemas para a veciñanza no verán pode ser a edición de tarxetas para residentes. O Goberno local implantou un sistema de cartóns residenciais para estacionar en Xoez, dado o saturado da zona e as enormes dificultades que para as veciñas supón a invasión de carros. Achamos que foi unha medida cuns resultados moi positivos, mais achamos precisas máis.
Preguntaremos no pleno se o Concello ten pensado aplicar o estacionamento só para residentes/veciñas de Oleiros en máis lugares do Concello de cara a inminente avalancha estival.
Sentido único para a Rúa do Batán
A Rúa do Batán converteuse, co gallo da apertura da senda do río de san Pedro, nunha rúa mais transitada que antano. As características son as dunha Rúa moi estreita con circulación en ambos sentidos coas lóxicas dificultades que xurden cando coinciden dous vehículos cada un nun sentido.
Pediremos ao Concello que estude a posibilidade de que esta rúa sexa dun único sentido para evitar riscos se así o permite a organización do tráfico.

Deja un comentario