
· Na peza combinase unha fotografía en branco en negro dunha pandeireteira e un bordado con moito colorido
· O Concurso, que chea á súa 25.ª edición, terá lugar o vindeiro domingo día 27 no Auditorio do paseo fluvial de Arteixo e conta coa colaboración do Concello
No seu 25 aniversario o Concurso de Música Tradicional de pandeireteiras/os da Asociación Xuvenil Xiradela conta cun cartel deseñado pola artista multidisciplinar Alba Pose (A Coruña, 2000).
Nesta peza Alba Pose emprega o bordado buscando aportar colorido, “coido que é algo que me representa na miña obra”, explica a artista. Conta que quixo “tirar do fío do tradicional sen entrar nunha iconografía do traxe galego ou algo máis clásico. A imaxe de base é unha fotografía doméstica dunha pandeireteira en branco e negro sacada do contexto do tradicional e incluíndo esa participación do bordado para engadir cor e textura doutros xeitos”, relata a autora. A fotografía orixinal é de Pablo Quintana que retrataba á tocadora Eva Castiñeira.
Alba Pose é unha artista transmedia que combina as artes plásticas como bordados ou gravados, coa escenografía ou dirección de arte. Sempre desde un estilo naif e informal, e cunha visión multidisciplinar.
Formouse na USC cursando Comunicación Audiovisual e ten un Máster de escenografía e dirección de arte pola Facultad de Diseño e Ingeniería Elisava de Barcelona.
Entre os seus traballos podemos salientar a escenografía para a exposición de fotografía de Irving Penn da Fundación Marta Ortega; a dirección creativa para a pandeireteira e cantareira Fransy; ou o deseño de escenografía e de iluminación para a obra de teatro ‘Tartar’.
O Concurso de Música Tradicional de pandeireteiras/os da Asociación Xuvenil Xiradela celébrase este domingo 27 de abril no Auditorio do Paseo Fluvial de Arteixo.
Colabora con esta actividade o Concello de Arteixo.
QUEN SOMOS
A Asociación Xuvenil Xiradela, radicada no concello de Arteixo, nace no ano 1982 co obxectivo de recuperar o noso folclore e gozar do tempo de lecer, así como de colaborar con outras asociacións ou entidades que nos permiten, por un lado difundir o noso traballo, e por outro, axudan a promover a socialización dos rapaces con xente doutras asociacións.
Comezamos impartindo a actividade de baile tradicional, e despois ampliamos ás actividades de pandeireta e canto tradicional, gaita e percusión.
A partir do ano 1984 créase un grupo de investigación para a recollida de música, cantigas, literatura oral, costumes, bailes e traxes dos nosos devanceiros, a súa recuperación e divulgación, pretendendo ser o máis fieis posibles coa máis pura tradición galega.
Ademais do concurso de música, dende o ano 1987 e de xeito continuo vimos celebrando o Día da Muiñeira en Arteixo. Trátase dunha exhibición na rúa de bailadores e bailadoras da peza máis emblemática do noso folclore. No caso do Concurso de Música Tradicional é un acontecemento que nacía no ano 2000 coa intención de promover a participación das escolas de música tradicional para que a mocidade puidese ter máis actuacións e relacionarse entre si, facilitando de este xeito o coñecemento da nosa cultura.