
O evento culmina a cuarta edición do programa educativo impulsado polo Concello, con exposición de proxectos, entrega de premios e un espectáculo científico
A Feira Imaxina Coruña 2025 celebrarase este sábado, 26 de abril, na Domus, nunha xornada aberta á cidadanía que porá en valor o traballo realizado por 56 estudantes de oito centros educativos da cidade. Ao longo da mañá, de 10.00 a 14.15 h, a rapazada expoñerá os seus proxectos, optarase aos premios do concurso e o público poderá gozar dun espectáculo científico titulado Explorando o cerebro, a cargo de David Ballesteros.
O concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, destacou que “esta feira representa o compromiso do Concello por fomentar entre o alumnado a vocación científica e tecnolóxica a través de experiencias prácticas e creativas que responden aos desafíos do noso tempo”.
A iniciativa, organizada polo Concello a través dos Museos Científicos Coruñeses e a empresa Ceo Aberto, desenvolveuse ao longo do curso baixo o lema “Auga limpa, futuro sostible”. Os 14 proxectos finalistas, seleccionados por un xurado especializado, abordan cuestións ambientais e sociais desde unha perspectiva innovadora e comprometida.
A Feira Imaxina é unha das accións que exemplifican o modelo educativo polo que aposta o Goberno de Inés Rey, no que o impulso ao pensamento crítico, á igualdade de oportunidades e á creatividade ocupan un lugar central. A través deste programa, búscase tamén recoñecer e reforzar o papel do profesorado na formación das novas xeracións.
O certame outorgará varios premios, entre os que destaca unha viaxe á feira científica Zientzia Azoka, en Bilbao, para os equipos gañadores. Ademais, entregarase un cheque regalo de 500 euros ao centro educativo de cada grupo premiado, destinado á adquisición de material científico e tecnolóxico, e recoñecerase o mellor vídeo-relato dos proxectos mediante votación popular.
A xornada será de acceso libre ata completar capacidade nos distintos actos programados, reforzarase o carácter participativo e divulgador da iniciativa.
PROGRAMA DA XORNADA – Sábado 26 de abril, Domus
● 10.00 – 13.00 h Exposición de proxectos por parte do alumnado participante ● 10.00 – 12.00 h Visita do xurado aos proxectos
● 13.00 h Entrega de premios (aforo limitado)
● 13.30 h Espectáculo científico “Explorando o cerebro”, por David Ballesteros (capacidade limitada)
● 14.15 h Peche da feira
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.