
Con motivo do Día Internacional do Libro, o Concello convídanos a gozar da lectura hoxe e todos os días do ano, xa sexa botándolle a man aos exemplares que teñamos na casa ou acudindo á Biblioteca Municipal. Ademais, nesta xornada do San Xurxo, desde a área de Cultura tamén se lle quere dar difusión aos servizos da eBiblioDaCoruna, a biblioteca dixital gratuíta da Deputación. Esta plataforma permite acceder a libros, películas, audiolibros e moito máis desde calquera dispositivo con conexión a internet. O servizo está dispoñible para todas as persoas inscritas nalgunha biblioteca pública da provincia.
O 23 de abril celébrase o Día do Libro, unha data simbólica para poñer en valor o poder transformador da lectura. Co gallo desta efeméride, a Biblioteca Municipal organizou para a mañá do día 29 o espectáculo de animación á lectura “As receitas do libro Tarterufa Pantufla”, de Teatro Calavera, dirixido ao alumnado de menor idade do CPI e tamén aos nenos e nenas da aula de 2 a 3 anos da EIM A Rolada.
Ese día tamén está previsto facer unha pequena manualidade, consistente en darlle cor a varios debuxos de Castelao e da súa obra “Os vellos non deben namorarse”, dado que este 2025 tamén celebramos o Ano Castelao cadrando co 75º aniversario do seu pasamento en Bos Aires.
Aproveitando a data do San Xurxo, desde a axencia de lectura lémbrannos que os seus fondos, compostos por libros e outros materiais, están dispoñibles para préstamo e consulta e que tamén están en marcha os clubes de lectura para rapazada e persoas adultas, que centran boa parte da actividade de dinamización do espazo e aos que podemos unirnos en calquera momento.
Ademais de todo o que podemos atopar na biblioteca, situada no primeiro andar da Casa da Cultura, cómpre ter en conta que o centro forma parte da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia -que dá acceso a infinidade de recursos compartidos- e que o feito de ter ficha ábrenos a posibilidade de acceder gratuitamente a milleiros de contidos dixitais a través da plataforma eBiblioDaCoruna, impulsada pola Deputación da Coruña.
Este servizo dixital está dispoñible para todas as persoas maiores de 14 anos que estean inscritas en calquera biblioteca pública da provincia, incluída a de San Sadurniño. Para poder utilizar a eBiblioDaCoruna, só se precisa un dispositivo con conexión a internet, un correo electrónico e realizar o proceso de alta na plataforma.
A biblioteca dixital permite tomar en préstamo ata cinco títulos á vez, con prazos que varían segundo o tipo de contido: 21 días para libros e audiolibros, 3 días para películas, ou 3 horas no caso dos xornais. Ademais, a lectura pode facerse en liña desde o navegador, mediante app móbil ou a través dun lector electrónico.
Desde a Biblioteca Municipal de San Sadurniño anímannos a aproveitar esta ferramenta como un complemento á lectura tradicional, destacando a súa utilidade para persoas con dificultades de desprazamento, ou para quen prefiren o formato dixital. A eBiblioDaCoruna tamén inclúe funcións de accesibilidade como a lectura en voz alta, o uso de fontes adaptadas a persoas con dislexia ou a personalización do texto.
Toda a información sobre o funcionamento e o proceso de alta pode consultarse na páxina oficial do servizo: https://ebiblio.dacoruna.gal. Se se precisa axuda tamén se pode pasar pola Biblioteca Municipal, que temporalmente ten os seguintes horarios de apertura: de 16:00 a 20:00h os luns, xoves e venres, e os martes de 17:15h a 20:00h. O servizo pecha os mércores. Iso si, a sala de lectura pode utilizarse polas mañás de luns a venres.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.