Saturday 07 de June de 2025

A mellora da eficiencia enerxética, obxectivo das obras na Casa do Concello


• Con este proxecto prevese rebaixar o consumo enerxético e as emisións de CO2 do edificio municipal nun 43%.

• As actuacións contan cun orzamento de 149.993,23 euros dos que o 80% procede dunha subvención da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Carral iniciou, esta semana, o proxecto para mellorar a eficiencia enerxética na Casa do Concello, unhas actuacións coas que se prevé rebaixar o consumo enerxético e as emisións de CO2 do edificio municipal nun 43%. As obras executaranse cun orzamento de 149.993,23 euros dos que o 80% procede dunha subvención de Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (actual Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes) e o 20% restante das arcas municipais.

O alcalde, Javier Gestal, incide en que se trata dun proxecto co que se alcanzará un dobre obxectivo: “dunha banda, conseguiremos rebaixar as emisións de CO2, pero estas melloras terán, ademais, unha repercusión positiva nas arcas municipais, permitíndonos conseguir un grande aforro económico”.
O proxecto implicará actuar na envolvente térmica do edificio co obxectivo de reducir a demanda enerxética e, por conseguinte, de rebaixar as emisións de CO2 e o consumo de enerxía. Para iso, actuarase tanto na fachada como na cuberta da Casa do concello. As actuacións supoñerán, ademais, a implantación dun novo sistema de regulación da iluminación. Neste caso, colocaranse detectores de presenza en estancias de usos intermitente, facendo que o aceso e o apagado da luz sexa automático e controlando o consumo de enerxía. O Concello actuará, ademais, sobre a instalación de climatización, introducindo un sistema de procesamento de datos que permita a contabilización, xestión e medición da enerxía consumida. Por último, o orzamento permitirá colocar paneis fotovoltaicos na cuberta da Casa do Concello. Esta instalación abastecerá á Casa do concello pero estará conectada, ademais, á rede urbana para envorcar o excedente enerxético que puidese producirse.

O Concello resultou beneficiario da axuda autonómica en virtude dunha orde do 16 de xaneiro de 2024 de Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes sobre a convocatoria de subvencións de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais.