Tuesday 22 de April de 2025

A 11ª Edición do Festival de Humor volve traer á Laracha un cartel de luxo con catro espectáculos no me de maio


As entradas, ao prezo de 10 euros, estarán á venda desde mañá na Casa do Concello.

Tras unha década de éxitos e risas compartidas na que pasaron pola Casa da Cultura cómicos de primeiro nivel do panorama galego e nacional, no mes de maio regresará á Laracha o Festival de Humor cunha 11ª edición que volve contar cun cartel de luxo.

Do mesmo xeito que nos anos anteriores o Concello, da man de Rababiero Promocións Artísticas, presenta unha programación variada e de alta calidade na que se abarcan diferentes estilos para ofrecer propostas adaptada aos gustos do público e que cada espectador poida desfrutar dunha experiencia única.

A primeira cita será o venres 2 de maio con Celso Fernández Sanmartín, un dos artistas habituais no Festival do Humor cun estilo propio e especialmente apreciado na Laracha. O poeta e contacontos pontevedrés chegará cunha versión renovada do seu espectáculo Contar, no que destacan as historias e memorias da tradición oral galega.
O que se estreará neste programa é Federico Pérez o día 9 con Xa que o sabes, voucho contar (e cantar), espectáculo no que pretende rirse de si mesmo e de que o espectador ría con el a través da historia da súa vida e cantando cancións populares galegas coñecidas por todos.

O venres 23 é a quenda para un show especial con Pepo Suevos e Manuel Manquiña baixo o título das míticas Noites de retranca coas que eles, xunto a outros cómicos, levan percorrendo quince anos os teatros de toda Galicia e de parte do territorio nacional.

Pecha o cartel Palo Capilla o día 30 con ¿Qué me estás container?, no que ela, exavogada e madre moza, moderna e independente, conta como é soportarse a si mesma e aos seus adolescentes mediante anécdotas verídicas. O monólogo compara as cousas do día a día dos anos 80 e 90 coa vida actual do seus fillos, o que fai que sexa un espectáculo acto para todos os públicos co que calquera pode sentirse identificado.

Todas as funcións da 11ª edición do Festival de Humor serán na Casa da Cultura da Laracha a partir das 22:00 horas e ao prezo de 10 euros. As entradas estarán á venda a partir de mañá na Casa do Concello.

Deja un comentario