Tuesday 22 de April de 2025

O Concello denuncia 6 supostos delitos ante a Fiscalía do madeireiro que actúa sen licenza


O Concello de Oleiros traslada á fiscalía os graves danos causados por un cidadán dedicado á corta da madeira.

O Concello de Oleiros dirixiuse días atrás á Fiscalía Provincial da Coruña para que tome medidas contra o madeireiro de Cedeira que, a través de determinadas empresas, está promovendo actividades ilícitas relacionadas coa obtención e comercio desta materia prima. Para realizar cortas de árbores en Oleiros é preciso ter un permiso municipal, que esta persoa nunca solicitou.

Desde 2021 as súas empresas veñen realizando tallas indiscriminadas causando prexuízos como a afectación ao Monumento Natural da Costa de Dexo-Serantes, que forma parte da Rede Natura 2000, tallas en solos protexidos con afectación sectorial de augas ou patrimonio cultural, afectación a camiños públicos ou incremento do risco de incendios. Tamén cometeu presuntos delitos contra a ordenación do territorio por alterar o uso do solo rústico con actuacións non legalizables, así como un posible delito de apropiación indebida por retirar madeira incautada.

Tamén incorre en desobediencia á autoridade e desprezo polas actuacións administrativas e non realiza as comunicacións contempladas na normativa. Ademais constatáronse enganos a persoas propietarias de montes e posibles ilícitos por furto e estafa, xa que enganaba ás persoas con ameazas de que o Concello lles obrigaría a talar, causando graves danos na imaxe municipal ao verse envolta en supostos de ilícitos penais.

Entre outros delitos nos que incorrería o representante legal das empresas atópanse tamén os de desobediencia grave á autoridade por facer caso omiso ás ordes da Policía Local (retirada de madeira precintada, seguir coas tallas pese ás paralizacións); delito de furto por tallar madeira sen autorización da súa propiedade (incluso ofrécelle diñeiro posteriormente para evitar a denuncia) ou de estafa ao ofrecer importes baixos tras ameazar con que o Concello lles obrigará a cortar a madeira.

As sancións impostas polo Concello a estas empresas superan os 200.000 euros, polo que se considera importante a intervención xudicial ante tal volume de incumprimentos legais.

Deja un comentario