Tuesday 22 de April de 2025

Os premios Follas Novas reivindicarán a importancia do libro para o futuro cultural de Galicia


O vindeiro sábado, 26 de abril de 2025, terá lugar a xa tradicional gala dos premios Follas Novas do Libro Galego, que serve para poñer remate a unha das actividades máis importante da comunidade do libro en Galicia. Os premios repasan e premian a produción literaria do ano 2024. A gala, que comezará as 19:00h e estará presentada polo actor Xosé Barato, servirá de marco para entregar os tres premios de honra das tres asociacións convocantes e que se deron a coñecer na rolda de prensa de presentación. Os editores premiarán ao editor Manuel Bragado; os libreiros ao fundador da libraría Follas Novas de Santiago, Rafael Silva, e as escritoras e escritores galegos recoñecen como escritora galega universal a Shahd Wadi.

A celebración foi presentada no ambigú do Teatro Principal de Santiago polos representantes das entidades organizadoras e patrocinadoras, Asociación Galega de Editoras, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia, co apoio do Concello de Santiago, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia e CEDRO. Participaron na mesma a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; a sudirectora de Bibliotecas e do Libro da Xunta de Galicia, Cristina Rubal; e os representantes das tres asociacións convocantes.

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, cualificou a Gala do vindeiro sábado como “a gran festa que celebra e recoñece o traballo de toda a cadea do ecosistema literario galego” e ao Teatro Principal como “o fogar destes Premios”. Míriam Louzao afirmou que “para o goberno municipal é importante que os Premios Follas Novas do Libro Galego convoquen aquí cada primavera o talento, o esforzo e a creatividade literaria do noso país. E cando falo de talento literario refírome tanto a quen a crea, autores e autoras, como a quen a edita e tamén a quen leva a literatura á rúa, as librarías maioritariamente independentes e de proximidade, as que fan barrio”. Por último animou a todo o mundo “a que fagan seus este premios, facéndose coas obras premiadas en cada categoría, porque o mellor premio é que os libros vivan nas mans do público lector”.

Esta edición quere reivindicar a importancia da comunidade do libro en Galicia, salientando a importancia de cada un dos sectores, autores/as, editoras, librarías e público lector que forman unha ampla comunidade na que se poden contar arredor de 600 autores e autoras, máis de 50 empresas editoras e 150 librarías. Esta edición dos premios tivo como punto de partida un milleiro de títulos e un proceso de selección posterior de cinco meses.

O cumio deste proceso será a gala que se celebrará o vindeiro 26 de abril no Teatro Principal de Santiago. A gala será conducida polo actor Xosé Barato que repasará a actualidade da literatura e levará ao teatro ambientes e sons do mundo do libro. Ademais, estará acompañado pola música en directo do dúo Mr Cool & Rubén Servide, cun formato de guitarra e saxofón. A entrada é libre, pero é necesario solicitar un convite a este enderezo electrónico: oficina@aelg.org.

Na presentación da gala participaron os representantes das asociacións impulsoras do premios, Óscar Porral, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia (FLG); Diana Varela Puñal, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; e Henrique Alvarellos, da Asociación Galega de Editoras.

Henrique Alvarellos, da AGE, destacou a importancia do sector do libro no conxunto da cultura do país, “En Galicia edítanse cada ano arredor de 1.000 títulos, os Follas Novas permiten visibilizar un mercado que ten como punto feble que as ventas do libro galego non chegan a supoñer o 10% do mercado do libro en Galicia”. O editor salientou que a literatura galega ‘‘conseguiu nos últimos cinco anos nove premios nacionais de literatura o que supuña unha demostración do capacidade creativa dos autores e autoras galegas’’.

Óscar Porral, vicepresidente da FLG, salientou na súa intervención na rolda que estes premios son “outra demostración da vontade de libreiros e libreiras de darlle toda a visibilidade posible aos libros”. Neste sentido, o libreiro anunciou a ampliación de actividades dos premios para que os Follas Novas teñan maior protagonismo nas feiras do libro que se celebran por toda Galicia.

Diana Varela Puñal, da AELG, salientou a importancia dos premios asegurando que é “un caso único no Estado” que os premios sexan organizados conxuntamente por tres asociacións arredor do libro. O escritor tamén reclamou a creación dun instituto que se ocupe de promocionar aos autores e autoras galegas internacionalmente e que debería levar o nome de Rosalía de Castro.

Cristina Rubal, subdirectora xeral de Bibliotecas e o Libro da Xunta de Galicia, lembrou que os premios son xa un clásico e un “evento importante para axudar a fortalecer o sector do libro”, dando a “coñecer a excelencia do libro, de autores, editores e libreiros, contribuíndo a mellorar a cultura de Galicia para conseguir unha sociedade máis avanzada e igualitaria”.

Premios honoríficos

Cada unha das tres asociacións organizadoras entrega na Gala dos Follas Novas os seus premios de honra anuais, nos que se salienta unha figura das letras, unha editorial ou persoa destacable do mundo editorial e unha libraría. Os galardóns que se entregarán na gala serán para Shahd Wadi, Manuel Bragado e para o fundador da libraría Follas Novas, Rafael Silva.

Premios FLG | Rafael Silva.

En decembro de 1971, tres cregos impulsaron a creación da libraría Follas Novas en Santiago de Compostela, concibida inicialmente como unha libraría especializada en libro universitario. Pouco tempo despois da súa apertura, un dos fundadores, Rafael Silva, deixou a vida eclesiástica para dedicarse de cheo á xestión da libraría e tamén da súa editorial. O proxecto pronto foi máis aló da súa orixe académica, converténdose nun espazo clave para a difusión da cultura galega e nunha libraría que, a día de hoxe, continúa sendo de referencia en todo o país.

Premio AGE | Manuel Bragado

Manuel Bragado (Vigo, 1959) é editor, mestre e activista cultural. Foi director de Edicións Xerais de Galicia entre 1994 e 2018 e actualmente traballa como orientador en centros educativos de Redondela. Presidente da Fundación Luzes e colaborador habitual en Faro de Vigo, mantén dende 1999 a sección «Campo de Granada». Tamén é autor do blog Brétemas, recoñecido con varios premios, e publicou libros como Vigo, puro milagre e Vigo, abella da ribeira.

Premio AELG Escritora Galega Universal | Shahd Wadi

Shahd Wadi (Exipto, 1983) é unha escritora e investigadora palestina que creceu en Xordania e reside en Portugal. Doutorouse en Estudos Feministas na Universidade de Coimbra coa tese Feminismos de corpos ocupados, centrada nas narrativas artísticas das mulleres palestinianas no exilio, que deu lugar ao libro Corpos na trouxa (2017). Reparte o seu tempo entre a escrita, a tradución, a programación cultural e o activismo feminista e palestino. Nomeada Escritora Galega Universal pola AELG, en recoñecemento á calidade da súa obra e ao seu compromiso coa defensa dos dereitos do pobo palestino desde unha perspectiva feminista.

Listado de finalistas dos Follas Novas 2025

PREMIO Á OBRA DE ENSAIO E INVESTIGACIÓN

A casa do amo. Unha análise do discurso colonial e racista na literatura galega. María Reimóndez. Edicións Xerais de Galicia.

Abril é un país. Tereixa Constenla. Editorial Kalandraka.

Os inmigrantes imaxinados. A identidade Galega na Arxentina (1780-1960). Xosé M. Nuñez Seixas. Editorial Galaxia.

PREMIO Á OBRA DE DIVULGACIÓN

As benfaladas. María Xosé Porteiro. Editorial Galaxia.

As horas mortas. Viaxes e conversas por cemiterios galegos. Emma Pedreira. Baía Edicións.

Rotas (As mulleres que o franquismo agochou en Compostela). Montse Fajardo. Edicións Positivas.

PREMIO Á OBRA DE NARRATIVA

A noite das cebolas. Rosa Aneiros. Edicións Xerais de Galicia.

O incendio. Sara Vila Alonso. Edicións Xerais de Galicia.

Runrún. Ana Varela. Editorial Galaxia.

PREMIO Á OBRA INFANTIL

Que cabe nun calcetín? Paula Carballeira. Oqueleo.

Axencia Galega de Asuntos Máxicos. Miguel Ángel Alonso Diz. Edicións Xerais de Galicia.

Como escorrentar un lobo. Antonio Manuel Fraga. Cuarto de Inverno.

PREMIO Á OBRA XUVENIL

Cartas na escuridade. Lois Pérez. Cuarto de Inverno.

Nave. Olaia Sendón. Edicións Xerais de Galicia.

Quen precisa unha avoa? Andrea Barreira Freije. Edicións Xerais de Galicia.

PREMIO AO LIBRO ILUSTRADO

Luísa Villalta. Alma de violino. Laura Suárez (ilust.), Beatriz Maceda e Eli Ríos. Edicións Xerais de Galicia.

Papóns. Sandra Lodi. Editorial Galaxia.

Sete dentes de león. David Sierra (ilust.) e Ledicia Costas. Edicións Xerais de Galicia.

PREMIO AO LIBRO DE BANDA DESEÑADA, GRÁFICO E HUMOR

Memorias dun neno labrego (novela gráfica). Iria Aldegunde (baseada no texto de Neira Vilas). Editorial Galaxia.

Miquits visita a casa da avoa. Alba de Evan, Xabier Domínguez e Paula Cheshire. Antela Editorial.

Presas fáciles. Voitres. Miguelanxo Prado. Retranca Editora.

PREMIO Á INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA

Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina. VV.AA.Tempo Galiza Editora.

Papagaio. Luísa Villalta e Maribel Longueira.Kalandraka Editora.

Poesía reunida de Xosé Luís Méndez Ferrín. Xosé Luís Méndez Ferrín, ed. Anxo Angueira. Edicións Xerais de Galicia.

PREMIO Á OBRA TRADUCIDA

Cartas desde a cadea, de Rosa Luxemburg. Almudena Otero. Edicións Laiovento.

Heartstopper. Rapaz coñece rapaz, de Alice Oseman. Nee Barros. Edicións Xerais de Galicia.

Os caravanistas, de Elizabeth von Arnim. Celia Recarey. Irmás Cartoné.

PREMIO AO LIBRO DE POESÍA

Os pozos elegantes das clavículas. María Álvarez Landesa. Alvarellos Editora.

Papaventos abismados. Marta Dacosta. Apiario.

Para non concretarme. Tamara Andrés. Edicións Positivas.

PPREMIO AO LIBRO DE TEATRO

Fóra de campo. Rosalía Fernández Rial. Editorial Galaxia.

Iribarne. Esther Carrodeguas. Edicións Positivas.

Ubasute. Paula Carballeira. Editorial Galaxia.

PPREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO

Canta contos de Nadal. VV. AA. Triqueta Verde.

O libro das abellas. VV. AA. Apiario.

Papagaio. Luísa Villalta e Maribel Longueira. Kalandraka Editora.

PREMIO PROMOCIÓN DA LECTURA

Culturgal

Libraría Cartabón Vigo

Libraría Nobel Ourense

Deja un comentario