Tuesday 22 de April de 2025

A Feira da Plantación de San Sadurniño volve bater a súa marca de postos inscritos


O evento terá lugar na leira da Cortiña este domingo entre as 10:00 e as 20:00h ofertando unha chea de actividades paralelas

 

72. Ese é o número de postos que este domingo se reunirán a un e outro lado dos sendeiros do arboreto da Cortiña, á beira do Xubia, dentro da 28ª edición da Feira da Plantación de San Sadurniño. Un evento máis que consolidado que, deste xeito, volve superar a súa propia marca de participación -en 2024 foron 67-. E un evento, ademais, que volverá ser escaparate comarcal da primavera, mostrando flor e planta para xardíns, árbores, pés en verde para morteiros e todo o necesario para que os pequenos e grandes traballos agrícolas no exterior resulten exitosos. O Concello de San Sadurniño publicou este mediodía o listado de participantes (que agora deberán confirmar a inscrición pagando a cota correspondente) entre os que se contan 12 viveiros ou postos de flor, unha trintena de puntos de venda de produto agroalimentario, 20 expositores de artesanía, 4 de maquinaria e outros 6 pertencentes a colectivos sen fins de lucro.

Dende os seus inicios nos anos 90, impulsada en orixe pola asociación Bidueiro, a Feira da Plantación converteuse nun encontro comercial de referencia que tamén reivindica a calidade, diversidade e potencial do sector primario, especialmente no ámbito da produción de planta ornamental.

Ao mesmo tempo, a feira tamén é unha xornada de lecer chea de actividades complementarias para todas as idades. Para a cativería ofreceranse dous obradoiros, un de sementes ás 12:30h e outro de tintes naturais ás 17:30h, que ofertan 20 prazas cada un para nenas e nenos de entre 4 e 12 anos. As inscricións haberá que facelas na carpa de información do Concello.

Para a xente de máis idade -aínda que a rapazada tamén pode asistir- ofreceranse demostracións de cociña sostible coa chef Naír González, do restaurante mugardés Muelle 43. As sesións están programadas para as 12:00h e as 19:00h e inclúen a degustación dos pratos preparados, nos que a cociñeira utilizará produtos elaborados na Fusquenlla. Neste sentido, o proxecto intermunicipal con sede en Moeche tamén contará con espazo de seu na feira onde poder coñecer en detalle a súa actividade e probar os seus zumes, marmeladas e outras preparacións de proximidade.

Outras propostas que gardan relación co desenvolvemento local serán as charlas do Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa sobre as rochas presentes no Xeoparque do Cabo Ortegal, a música de Vai Rañala Meu -entidade con base en Sedes que se centra en tecer redes no rural a través da cultura- ou as exhibicións de arte floral con Tania Couce (Floristería La Feria). Os centros e adornos que monte a florista local sortearanse ás 14:00 e as 19:30h entre as papeletas que se entregarán con cada compra. A rifa será presencial ata que aparezan as persoas premiadas.

Ademais, só por acudir á feira entregarase como agasallo o xa tradicional detalle dunha bolsiña con plantas ornamentais doadas por Vivergal, empresa con sede en Santa Mariña do Monte que colabora de forma desinteresada coa organización. Xunto a esta colaboración, o Concello tamén conta co apoio económico da Deputación da Coruña.

Entre compras, obradoiros, actuacións e paseos pola contorna, o día promete ser ben completo. Incluso se poderá xantar na carpa instalada no recinto, aínda que desde o Concello tamén se anima a visitar os restaurantes da zona (recoméndase facer reserva).

Instalación dos postos e tráfico
O Concello habilitará dous espazos de aparcamento a escasos metros da feira: unha na leira da área de autocaravanas e outra nas proximidades da ponte sobre o río. A entrada e saída deberá seguir un único sentido de circulación para evitar atascos. O acceso desde a AC-862 farase pola contorna do Centro de Día e a saída será por Cornide, quedando prohibido estacionar nos laterais dese traxecto.

Segundo o establecido nas bases, os 72 expositores e expositoras deberán confirmar a súa participación antes do venres abonando a tarifa correspondente aos metros solicitados (se lles é de aplicación). O pagamento pode facerse mediante ingreso ou transferencia á conta ES74/2080/0208/0131/1000/0059, indicando no concepto “XXVIII Feira da plantación” e o nome da persoa solicitante. Tamén se pode pagar con tarxeta na Casa do Concello. En calquera caso, será imprescindible presentar o xustificante para acceder ao recinto da feira.

Desde a área de Desenvolvemento Local pídese aos participantes que respecten estrictamente os horarios asignados para a montaxe dos postos, lembrando que a partir das 10:15h non se permitirá a entrada de ningún expositor.

Tamén se indica que, unha vez instalado o posto, deberán retirarse os vehículos, e que os espazos de venda deben permanecer abertos como mínimo ata as 19:30h. Estes e outros aspectos organizativos están recollidos nas bases de participación que se publicaron xunto ao formulario de inscrición.

Deja un comentario