Friday 06 de June de 2025

A Laracha participará en programa xuvenís de intercambio en Venecia e Xeorxia


A preinscrición estará aberta do 23 ao 28 de abril.

O Concello volverá ofrecer á mocidade larachesa a posibilidade de participar en programas de intercambio xuvenil que se van realizar neste verán na localidade italiana de Venecia e, como novidade, en Tiflis, a capital de Xeorxia.

No caso de Venecia esta será a cuarta experiencia destas características que oferta o Concello da Laracha grazas á colaboración coa Escuola Polo Tecnico Professionale I.I.S. Venier da localidade italiana, onde serán aloxados os participantes. A viaxe realizarase do 24 de xuño ao 1 de xullo e terán preferencia para obter as prazas aqueles que non participaran noutras viaxes de intercambio a Venecia en anos anteriores.
No caso de Xeorxia, a saída será o 8 de xullo e o regreso unha semana despois, o día 15. Farase en colaboración co Centro de Lengua y Cultura Española “Carmen”. A estancia será nun hotel de Tiflis, e o programa tamén inclúe a realización de actividades de carácter recreativo, social, cultural, formativo e convivencial.

Ambos programas van dirixidos a mozos de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. A preinscrición, exclusiva para empadroados no concello da Laracha, deberá realizarse entre este mércores e o luns da semana que vén (do 23 ao 28 de abril) cubrindo os documentos que estarán dispoñibles para a súa descarga na web municipal ou ben presencialmente na Oficina de Información Xuvenil da Casa do Concello. Para cada unha das opcións ofertadas hai dez prazas dispoñibles que, de ser necesario, sería sorteadas nun acto público a celebrar o día 29 de abril ás 10:00 h no Salón de Plenos do Concello.
Nos dous casos os participantes viaxarán acompañados por monitores. A cota de inscrición que deberán aboar para o programa en Venecia é de 250 euros e para o de Xeorxia, de 350 euros, que inclúen tanto as viaxes en avión como os desprazamentos en destino, o aloxamento, a manutención en réxime de pensión completa, custe de todas as actividades que se leven a cabo e seguro de accidentes.

Este tipo de iniciativas son resultado das relacións establecidas entre A Laracha e outros municipios e entidades de diversos países do continente no marco dos programas de irmandamento desenvolvidos a través de Europe for Citizens co financiamento da Unión Europea. Así, o Concello contribúe á construción da cidadanía europea, animando á mocidade a aproveitar esta excelente oportunidade para coñecer outros países, idiomas e culturas, ao mesmo tempo que potencia a mobilidade xuvenil, tende pontes para a cooperación transfonteiriza con outros países e proxecta A Laracha cara o exterior.