Monday 21 de April de 2025

Belén do Campo destaca o apoio da Xunta de máis de 113.000 euros para potenciar o atractivo turístico do concello de Corcubión


— Este municipio recibiu dúas axudas para a rehabilitación sustentable da capela do Pilar para sala de exposicións e para a mellora da accesibilidade do campo de San Antonio

— A Xunta impulsou, na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, 12 proxectos de embelecemento turístico en 8 concellos do litoral cun importe total de case 641.0000 euros

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou, está mañá, o concello de Corcubión para coñecer as obras de rehabilitación sustentable da capela do Pilar para o seu uso como sala de exposicións, que contaron cunha axuda da Xunta de máis de 63.000 euros e a mellora da accesibilidade ao campo de San Antonio que contou cunha achega de 50.000 euros. Neste senso, a representante do Goberno autonómico destacou que o Goberno galego investiu neste municipio máis de 113.000 euros para seguir potenciando os seus atractivos turísticos. Estas actuacións teñen como obxectivo embelecer os recursos patrimoniais e naturais dos concellos ao tempo que incrementan o seu potencial turístico.

En relación coas obras na capela do Pilar para o seu uso como sala de exposicións, Belén do Campo explicou que este edificio sitúase no interior do casco histórico de Corcubión, declarado Conxunto Histórico Artístico no ano 1985, e que conta cun Plan Especial de Protección dende o ano 1991. O interior se conforma por unha única nave con bóveda de canón, realizada en formigón armado, ao igual que as vigas en arco e os piares que a soportan. O uso orixinal foi o de capela da vivenda coa que linda si ben, na actualidade, conta cun uso socio-cultural.

A actuación estivo encamiñada á rehabilitación sustentable deste edificio sendo respectuosa co contorno, aforrando recursos mediante o emprego de materiais de baixo impacto ambiental, e aumentando a vida útil do edificio; así como reducindo a pegada de carbono. As actuacións centráronse na substitución do sistema de calefacción existente no interior do edificio, formado por emisores eléctricos, por un sistema de calefacción por solo radiante con xeración da calor a través dunha bomba de calor aire-auga, máis eficiente e invisible. Ademais, substituíuse a instalación eléctrica por unha nova adaptada á normativa actual, executando unha nova acometida, e instalando unha nova caixa xeral de protección, un novo contador, un novo cadro, e substituíndo o cableado dos circuítos existentes, as caixas de derivación e as bases de enchufe; así como a preinstalación de son para permitir a realización de conferencias ou presentacións no edificio.

Respecto da iluminación, renovouse a instalación existente por un sistema de iluminación LED coa conseguinte mellora da eficiencia e aforro enerxético. Así mesmo, para aumentar a vida útil do edificio levouse a cabo a substitución dos elementos de madeira (porta exterior e vestíbulo de acceso). En canto á porta exterior, renovouse con unha nova de madeira de similar deseño, utilizando as pezas de suxeición da orixinal. Para a formación do vestíbulo optouse pola instalación dunha cortina que ofreza diferentes posibilidades (aberta – pechada) en función do acto que se realice no interior do inmoble. Finalmente, tamén se levou a cabo a reparación das gretas e desconchados existentes nos elementos estruturais e solucionáronse as patoloxías existentes no soporte da campá.

En canto á mellora da accesibilidade ao campo de San Antonio, a actuación centrouse no único espazo de esparcemento na zona norte de Corcubión, mellorando a accesibilidade da cidadanía a este recurso turístico do casco histórico, declarado Ben de Interese Cultural (BIC). Levouse a cabo a demolición dos chanzos, dos bordos, do pavimento e do elemento de protección existentes; dispoñendo novos elementos de pavimentación, protección e mobiliario urbano máis acordes coas características do lugar . Creouse un espazo de circulación pavimentado en torno ao cruceiro, que queda dentro dunha zona verde central, protexéndoo e dotándoo dun carácter escultórico. O trazado dos diferentes pavimentos xurdiu dunha xeometría concreta a partir das rúas Salvador Allende e Perigos, mantendo como premisa a total accesibilidade neste espazo.

Para acadar unha pendente transversal máis suave, e mellorar así as condicións de accesibilidade neste espazo elevouse a zona sur (a máis baixa). Como elemento de protección cara a estas dúas rúas executouse unha varanda lixeira sobre unha peza de remate de granito ancorada á soleira de formigón que constitúe a base do novo pavimento. Independentemente da actuación na pavimentación, foi necesario dotar a este espazo dunha rede de recollida de auga da chuvia, de iluminación, de vexetación e dun mobiliario urbano que complementaron as melloras de accesibilidade realizadas.

Liña axudas
Estes apoios encádranse na liña de axudas destinada a municipios galegos para levar a cabo accións de embelecemento do litoral, financiando distintas actuacións en materia de sostibilidade, dixitalización e accesibilidade dos destinos turísticos en municipios costeiros da comunidade galega. Cun investimento global de máis de 2,7M€, a delegada informou que na comarca de Bergantiños-Costa da Morte foron beneficiarios, o ano pasado, un total de 12 proxectos en 8 concellos do litoral desta área (Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, A Laracha e Muxía). Estes proxectos recibiron unhas axudas por importe de case 641.000 euros.

Durante a visita, Belén do Campo, salientou a importancia destas axudas que permiten que os municipios costeiros poidan ter recursos para avanzar “na transición verde e ecolóxica e tamén na dixital, accesible e inclusiva”.

Esta liña de subvencións permite a rehabilitación do patrimonio en espazos singulares, de edificios como museos e monumentos, investimentos en zonas verdes e sendeiros e en aplicacións dixitais, edición de folletos e guías turísticas virtuais, sinalización monumental intelixente e actuacións para mellorar a accesilidade e a inclusividade, entre outras.

A convocatoria estivo cofinanciada pola Unión Europea a través dos Fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation.

Deja un comentario