Monday 21 de April de 2025

Aberto do 22 abril ao 6 de maio o prazo de inscrición no Programa municipal de conciliación de verán 2025


A Xunta de Goberno Local aprobou o procedemento de admisión e os prezos do programa municipal de conciliación de verán 2025, que se desenvolverá nas instalacións do CEIP Ramón Cabanillas e do CEIP Monte dos Postes e que está destinado a nenos e nenas empadroados no Concello de Santiago de Compostela ou que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria do municipio de Santiago, entre o 2º Ciclo de Educación Infantil e o 3º Ciclo de Educación Primaria (ambos os dous incluídos) con idades comprendidas entre os 3 o os 12 anos.

conciliación

O prazo de inscrición establécese entre mañá, 22 de abril, e o 6 de maio, ambos incluídos. As solicitudes presentaranse segundo o modelo normalizado, nos prazos establecidos ao efecto, ben por medios electrónicos ou de xeito presencial, no Rexistro xeral do Concello de Santiago (Rúa do Presidente Salvador Allende 4, Galeras) ou mediante calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

Se a solicitude se presenta a través da sede electrónica do Concello de Santiago escollerase o trámite “Inscrición nos programas de conciliación do Departamento de Educación” dentro do catálogo de trámites dispoñible.

Datas do programa

O programa de conciliación realizarase no período de vacacións de verán 2025: mes de xuño (días 23, 24, 25, 26, 27 e 30), mes de xullo (agás sábados, domingos e festivos), mes de agosto (agás sábados, domingos e festivos), setembro (días 1, 2, 3, 4, 5, 8 e 9. Os días definitivos están suxeitos á aprobación do calendario escolar pola Xunta de Galicia que pode supoñer para o ano 2025 a conseguinte variación nos días non lectivos de setembro.

O programa inclúe a realización de actividades e obradoiros, ademais de poñer a disposición dos nenos e nenas participantes un servizo de madrugadores con almorzo (de 7,45 a 9,00 horas) e de comedor (de 14,00 a 16,00 horas). O horario de prestación directa do servizo será de 7,45 h. ata as 16,00 h. A previsión de prazas é de 960 para actividades no total de quendas; 960 tamén para o xantar e 240 para o almorzo.

Con este programa búscase favorecer a conciliación da vida familiar, laboral e persoal e dar resposta á necesidade que teñen os e as menores de ocupar o seu tempo de ocio e tempo de lecer no verán de xeito dinámico e divertido e desde unha perspectiva educativa e integradora.

Pode consultarse toda a información ao pé desta noticia.

Deja un comentario