Friday 22 de November de 2024

Adxudicación provisional das obras de saneamento nos lugares de Sobrido, Carballo e Meixe na parroquia de Oleiros


O Concello de Riveira informa de que a xunta de goberno local celebrada onte procedeu á adxudicación provisional (clasificación, na nomenclatura actual) das obras encamiñadas á dotación de saneamento nos lugares de Sobrido, Carballo e Meixe, todos eles situados na parroquia de Oleiros.

A empresa que obtivo unha mellor puntuación resultou ser Construcciones Anspal, cunha oferta económica de 168.069 euros, IVE incluído. Había 83 propostas presentadas na licitación, unha cifra récord neste Concello.

Esta actuación permitirá dotar aos tres núcleos citados dun saneamento do que carecen, que entroncará coa rede existente e que precisará, dada a orografía do terreo, a construción de dous estacións de bombeo.

Así mesmo, será preciso instalar ata 1911 metros de tubaxes para entroncar coa rede existente: 1.361 metros de tubaxe de PVC SN4 liso de 315 milímetros de diámetro e de 550 metros de tubaxe de polietileno de alta densidade, esta última para a impulsión do saneamento.

Deste xeito, a tubaxe de PVC recollerá as augas fecais das vivendas ata unha estación de bombeo en Sobrido (punto de cota máis baixa) e dende esta e cunha tubaxe de impulsión chegarase ata un pozo de nova construción situado no punto de cota máis alta que conducirá en tubaxe de PVC e por gravidade as augas fecais dende o lugar de Sobrido e pasando por Carballo, ata outra nova estación de bombeo situado en Meixe, nas inmediacións do río Arlés. Tamén se saneará o lugar de Meixe recollendo en tubaxe de PVC e por gravidade as augas fecais ata o pozo de bombeo deste lugar. De aí e con tubaxe de impulsión chegarase a un pozo de rexistro xa existente no lugar de Gándara.

O período de execución das obras é de seis meses.