Monday 21 de April de 2025

O Pleno do Concello de Fene aproba uns Orzamentos de máis de 16 millóns de euros para 2025


O documento saíu adiante cos votos do goberno local (BNG e Esquerda Unida), a abstención do PSOE e o voto en contra do PP

As contas inclúen investimentos por máis de 1,1 millóns de euros e prevén importantes melloras en servizos, infraestruturas e benestar social

O Pleno do Concello de Fene aprobou esta mañá en sesión extraordinaria o proxecto de Orzamentos municipais para o exercicio 2025 presentado polo goberno local, cun importe total de 16.152.157,82 euros. As contas contaron cos votos favorábeis dos grupos de goberno (BNG, con 7 concelleiras, e Esquerda Unida, con 1), a abstención do PSOE (3 concelleiras) e o voto en contra do Partido Popular (6 concelleiras).

A concelleira de Facenda, Ángeles Coira, amosouse satisfeita pola aprobación polo pleno duns Orzamentos “elaborados con rigor, realistas, que dan continuidade ao traballo que vimos facendo desde hai anos e que responden ás necesidades reais da veciñanza de Fene”. Descatou ademais a aposta do goberno local “pola mellora das infraestruturas, o reforzo dos servizos públicos e o apoio ao tecido asociativo e económico local”.

Pola súa parte, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, puxo en valor “a capacidade do goberno local para xestionar con responsabilidade, mantendo o equilibrio orzamentario e impulsando investimentos sen comprometer a saúde financeira do Concello”. Subliñou tamén que “estas contas consolidan un proxecto de municipio sostíbel, solidario e cunha clara aposta polo benestar da veciñanza”.

Máis de 1,1 millóns de euros en investimentos

Dentro do documento aprobado inclúense 1.164.271,48 euros en investimentos reais, financiados en parte a través da solicitude dun préstamo. Entre as actuacións previstas figuran a reconstrución dun muro de contención en Perlío (109.287,87 €); a pavimentación e mellora do saneamento en Cornide, Maniños (121.378,62 €); e a ampliación da rede de saneamento en Buios (6.937,40 €). Tamén se inclúe unha intervención destacada de abastecemento e pavimentado nos camiños da Calzada, Arriba e Revolto, así como no saneamento de Arriba (401.012,00 €).

Outros traballos recollidos no plan de investimentos son a mellora do camiño da Corredoira, en Maniños (48.209,75 €); a ampliación da rede de augas fecais no Pedrón (Magalofes) (60.100,62 €) e en Tellerías (19.957,68 €); a execución de regos asfálticos en diversos puntos do termo municipal (69.779,37 €); a mellora dos camiños municipais do Terreiro e Conde, en Maniños (38.905,90 €); ou a reforma do parque infantil de San Valentín (2.822,93 €). Ademais, recóllese unha pequena pero complexa obra para o paso de saneamento baixo a vía do tren en Fene (19.957,68 €); o bombeo no saneamento da Lagarteira (25.000 €); o proxecto POS+ 2025 para o camiño da Fonte (189.921,66 €); a adecuación do local municipal da rúa Tras do Cádavo para uso administrativo (36.000 €); e a adaptación de parques infantís escolares (15.000 €).

A maiores, o orzamento contempla outros investimentos como traballos de reparacións e posta a punto de camiños municipais (51.268,23 €); outras reparacións diversas (73.372,68 €); a xestión de augas residuais a través de GESECO (175.125,33 €); melloras no alumeado público (12.746,14 €); unha actuación a través de AGADER (10.850,70 €) e unha obra de saneamento na subida á Lagarteira pola Rañoa (85.000,00 €).

No tocante aos gastos por capítulos, destínanse 5.500.696,97 € ao persoal municipal e 8.070.190,18 € ao mantemento de servizos e bens correntes, dos cales 1.761.568,85 € corresponden a consumos enerxéticos.

Apoio a eventos, entidades e asociacións locais

O apoio ás entidades e asociacións do municipio segue a ser unha prioridade para o goberno local, cun orzamento de subvencións nominativas que alcanza os 113.000 €. As axudas a entidades culturais chegan aos 39.500 €, destacando as achegas a eventos como o FeneRock (11.000 €); o Felipop (11.000 €); o Premio Pérez Parallé (4.000 €); a Xuntanza de Gaiteiros (4.500 €); e festas tradicionais organizadas por diferentes entidades veciñais.

No ámbito educativo, dedícanse 7.500 € a ANPAS de centros públicos e ao proxecto Hiperbaric do IES de Fene. En deportes, destínanse 5.000 € á celebración do Slalom Fene a través da Escudería Scratch. Para entidades de promoción económica e turismo, inclúense 26.000 €, repartidos do seguinte xeito: 10.000 € para a campaña “Merca en Fene”; 5.000 € para o Perla Mural Fest; 8.000 € para o programa de actividades da Confraría Santiago Apóstol de Barallobre; e 3.000 € para As Lavandeiras de Sillobre. En canto ao benestar social, as achegas acadan os 35.000 €, con axudas á entidade ASPANEPS (6.800 €), á organización FAG para o programa de alimentos (27.200 €) e á Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (1.000 €).

Uns Orzamentos con visión de futuro

A aprobación dos Orzamentos municipais para 2025 permitirán ao Concello de Fene dar continuidade ás políticas impulsadas nos últimos anos, afrontando con garantía os retos de futuro.

“ O Concello de Fene conta cun orzamento rigoroso e socialmente comprometido”, destacou Trigo. “Unha ferramenta útil que nos permitirá seguir a transformar Fene, cun modelo de xestión transparente, planificado e comprometido coa mellora da calidade de vida das nosas veciñas e veciños”, concluíu o alcalde.

Deja un comentario