
A entrega de premios e a inauguración da exposición das obras seleccionadas celebrarase o venres 25 de abril na Sala Alberto Gende do Pazo da Cultura
O fotógrafo profesional José Ramón Luna de la Ossa (Cuenca) é o gañador do XXVII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís. Desde neno foi atraído polo mundo da fotografía e en parte grazas á influencia dos seus familiares descobre a maxia do cuarto escuro. A súa formación inicial foi autodidacta, complementada con cursos e obradoiros na Escola CEV de Madrid, ata que se transformou nun fotógrafo profesional, perfeccionando a súa técnica e creando un estilo único e persoal. O xurado vén de facer público o fallo, no que tamén foron seleccionadas as obras de Ángel Atanasio Rincón (Ciudad Real), que levou o segundo premio; María Jesús Iglesias Regueiro (carballesa afincada en Santiago), que recibiu o Premio Especial Carballo; e Antonio Gutiérrez Pereira (Vigo), accésit. Este ano presentáronse un total de 129 obras de 57 autores e autoras de Galicia e doutras partes de España como Andalucía, Cataluña, Castela a Mancha, A Rioxa, Madrid ou Valencia. E hai que subliñar que máis de 1600 fotógrafos e fotógrafas se teñen presentado ao certame nos seus vinte e sete anos de vida con máis de 3.800 fotografías.
O acto de entrega dos galardóns celebrarase o venres 25 de abril ás 20.30 horas, na Sala Alberto Gende do 3º andar do Pazo da Cultura, que acollerá ata o 30 de maio unha mostra coas fotografías gañadoras e unha selección de 59 obras realizada polo xurado entre todas as presentadas. O horario de visita é de luns a sábado de 17.00 a 21.00 horas.
Orixe do premio e fallo
O Concello de Carballo, atendendo a proposta expresada pola Comisión Organizadora da Homenaxe a Xosé Manuel Eirís, integrada por representantes de 30 asociacións de Carballo, acordou en maio de 1997 a creación do Certame Fotográfico “Xosé Manuel Eirís”. A denominación de “Xosé Manuel Eirís” para este concurso provén do recoñecemento que se lle quere render a unha persoa vinculada ao mundo cultural e artístico de Carballo e de Galicia, preocupada pola recuperación e promoción do noso patrimonio cultural e pola participación da cidadanía deste proceso de desenvolvemento. Esta iniciativa pretende perpetuar no recordo para o que foi animador cultural de Carballo a través dunha das súas afeccións: a fotografía.
Nesta edición o xurado estivo integrado polos seguintes membros, que se reuniron o luns 7 de abril no Pazo da Cultura de Carballo:
• Maruxa Suárez Cotelo, Concelleira de Cultura, como presidenta do xurado.
• María Barca Pensado, Licenciada en Belas Artes, fotógrafa documental e ceramista, en representación da Asociación Cultural Cascabullo.
• Ángel Cordero Gómez, fotógrafo e ex profesor de fotografía da Escola de Imaxe e Son de A Coruña.
• Ángel Manso Fernández, fotógrafo profesional.
• Miguel Ares Lago, fotógrafo profesional.
• María Carmen Montero García documentalista e conservadora da Fundación Luis Seoane e comisaria de exposicións.
• María del Carmen Castro Pombo, xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo, en calidade de secretaria do xurado.
Logo das oportunas deliberacións, o fallo quedou como segue:
• 1º premio: 1.500 € e diploma. José Ramón Luna de la Ossa pola fotografía Como fue ayer.
• 2º premio: 750 € e diploma, patrocinado pola Fundación Luis Calvo Sanz. Ángel Atanasio Rincón por Infancia olvidada.
• Premio Especial Carballo: 500 € e diploma, patrocinado por Interfilm Carballo. María Jesús Iglesias Reguero por Regueiros na area de Razo.
• Accésit de 300€ e diploma. Antonio Gutiérrez Pereira por Salvaje.