
A obra teatral prográmase o sábado 26 dentro das Xornadas literarias, dedicadas a Castelao
A Casa da Cultura recibe o vindeiro sábado, a partir das 20 horas, no marco das Xornadas literarias de Neda, dedicadas desta volta a Castelao, ao histórico Grupo de Teatro Airiños. A compañía máis antiga de Galicia porá en escena “As vellas non deben de namorarse”, versión coñecida peza teatral do ilustre rianxeiro. As entradas xa están á venda.
O espectáculo, que chega a Neda co apoio da Deputación da Coruña, conta a modo de farsa, a historia de tres vellas que se namoran de persoas moito máis novas, e da dramática consecuencia que estes amores serodios terán para elas. Un guión cheo de enredos, que nesta versión busca a converxencia entre a modernidade da Galicia actual e a tradición.
As entradas para desfrutar coa representación do Grupo de Teatro Airiños (Rianxo, 1933) poden mercarse xa, de forma anticipada, na Biblioteca Municipal, e o mesmo sábado, dende un par de horas antes da función.
“As vellas non deben de namorase” é unha adaptación da obra escrita por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no ano 1930 na cidade de Nova York e estreada en Bos Aires nos anos corenta. Nesta versión Amantia Coello xoga a cambiar a cambiar sexos, xéneros, identidades e orientacións dos personaxes, conservando en boa medida o texto. Deste xeito dáselle unha orixinal volta á peza achegándoa ás realidades LGTBIQ+.
As Xornadas literarias de Neda contarán este ano cun bloque de conferencias, protagonizado por figuras de primeiro nivel (xoves e venres, a partir das 18 h, na Casa das palmeiras) e unha variada programación de lecer durante a fin de semana na Casa da Cultura, co obradoiro de ilustración “Versioleandro ao Castelao”, teatro e un espectáculo infantil.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.