
Tamén recomenda asistir á xornada de presentación das subvencións que terá lugar no Coworking-Seara, nas Pontes, este mércores a partir das 11:00h
San Sadurniño, como concello incluído no convenio da transición xusta da comarca das Pontes, poderá beneficiarse da nova convocatoria de axudas que lanzará en cuestión de días o Instituto para a Transición Xusta, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Estas subvencións están destinadas a apoiar proxectos empresariais que xeren ou manteñan emprego nas zonas afectadas polo peche de centrais térmicas. Prevén dúas liñas, unha para investimentos superiores aos 100.000 euros e outra para iniciativas a partir dos 30.000, que poderán cubrir coas axudas ata o 35% dos gastos elixibles. Quen queira saber máis sobre a convocatoria pode acudir este mércores 23 de abril á xornada de presentación que terá lugar no edificio Coworking-Seara -no polígono de Penapurreira (As Pontes)- a partir das 11:00h.
As axudas poderán solicitarse unha vez que saian publicadas no BOE, algo que podería ocorrer antes do remate deste mes de abril ou empezos de maio. Van dirixidas exclusivamente a proxectos empresariais que contribúan á reactivación de zonas afectadas polo peche de centrais térmicas, como é o caso de San Sadurniño e outros concellos dos arredores das Pontes ou Meirama.
Haberá dúas liñas principais. A primeira está destinada a proxectos de investimento empresarial dun mínimo de 100.000 euros e unha obriga de creación de, polo menos, tres postos de traballo. A segunda liña contempla pequenos proxectos cun investimento mínimo de 30.000 euros, nos que se esixe o mantemento do emprego ou a creación dun posto, no caso de empresas de nova creación.
As subvencións cubrirán investimentos relacionados coa compra de terreos, a execución de obra civil, a adquisición de maquinaria e a compra de equipamentos, así como o gasto en software, activos dixitais ou innovación tecnolóxica, entre outros conceptos. A execución do proxecto deberá completarse nun prazo máximo de 24 meses para grandes investimentos e 18 meses no caso dos proxectos pequenos. Ademais, deberase executar polo menos un 15% da inversión nos nove primeiros meses desde a concesión da axuda.
O perfil das beneficiarias e beneficiarios é amplo: poderán optar persoas físicas ou xurídicas, persoas autónomas, sociedades e agrupacións empresariais. Os proxectos deben pertencer a sectores produtivos viables e exclúense aqueles ligados á produción agrícola primaria, o aceiro, o carbón, o transporte ou a construción naval. En cambio, priorízanse actividades industriais, servizos ás empresas, turismo rural, tecnoloxía, o ambiente ou o lecer, caracterizados como estratéxicos para a nosa zona segundo o proceso de análise socioeconómica e consultas aberto polo Estado en 2021.
No caso de San Sadurniño e dos outros municipios galegos da transición xusta, o apoio económico poderá acadar ata o 35% do investimento subvencionable para pequenas empresas, un 25% para as medianas e un 15% para as grandes. A estas porcentaxes haberá que sumarlles as bonificación pola creación de emprego: 7.500 euros por cada novo posto e ata 15.000 euros se se trata de emprego xuvenil, feminino, para persoas con discapacidade, maiores de 45 anos ou inscritas nas bolsas do ITJ.
A convocatoria está pensada como un incentivo á implantación de novas iniciativas ou á transformación de negocios existentes, coa condición de non estar iniciados antes da solicitude. Para proxectos de grandes empresas, tamén se esixen requisitos de diversificación da actividade ou transformación produtiva significativa, con criterios económicos que acrediten a súa viabilidade.
As axudas ofrecerán unha boa oportunidade para aquelas empresas que queiran botar a andar ou reorientar modelos de negocio. Por iso o Concello anima a participar na xornada informativa e de presentación que vai desenvolverse este mércores 23 a partir das 11:00h no edificio de Coworking-SEARA, no polígono pontés de Penapurreira.
No encontro participará o subdirector xeral de Estratexia e Planificación do ITJ, Francisco Tovar, e tamén representantes de Prometal Tecnología e Innovación e Haras de Bordo S.L., dúas das empresas que se beneficiaron da anterior convocatoria das axudas da Transición Xusta. O acto abrirano o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas López.
Envíase foto do cabo da cheminea das Pontes visto desde Ferreira (César Galdo)
Un raio deixa sen tv e telefonía móbil varias zonas de San Sadurniño e Moeche
Desde a tarde do sábado hai varias zonas de San Sadurniño e Moeche que se encontran sen sinal de televisión e tamén de telefonía móbil de Movistar, Orange e Vodafone (incluídas outras operadoras que utilizan a súa infraestrutura).
Segundo informou Retegal -a empresa pública que xestiona os repetidores de tv en Galicia- a avaría debeuse a un raio que fulminou, literalmente, os equipamentos instalados no Pico de Ferreira.
Retegal conta restablecer o servizo de tv ao longo deste luns. Agardamos que durante a xornada tamén volva haber cobertura da telefonía móbil, aínda que nese caso a solución do problema é cousa das compañías. Neste momento temos constancia de problemas nas comunicacións 4G/5G para voz e datos en puntos de Lamas, Ferreira, San Sadurniño, Igrexafeita e Naraío.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.