Friday 22 de November de 2024

Turismo de Galicia presenta os recursos ornitolóxicos galegos na Feira Internacional Fio


Desde hoxe e ata o vindeiro domingo, o departamento de Turismo da Xunta difundirá os valores turísticos da ornitoloxía galega na décima edición deste certame que se celebra en Monfragüe

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, participará por sexto ano consecutivo na Feira Internacional de Ornitoloxía, FIO, o certame do Turismo ornitolóxico máis importante de España, que se celebra desde hoxe e ata o vindeiro domingo día 13 no Parque nacional de Monfragüe, Cáceres.

Os visitantes e profesionais que se acheguen ata o stand de Turismo de Galicia poderán coñecer os 61 espazos de alto interese ornitolóxico identificados na nosa comunidade e distribuídos por todo o seu territorio.

Estes espazos están clasificados segundo os hábitats, e deste xeito podemos atopar zonas de litoral e mar aberto; áreas agropastorais; canóns e vales fluviais, áreas montañosas e boscosas; humedais interiores e contornas urbanas.

Especial protagonismo terán as 10 áreas identificadas como as zonas de alto interese ornitolóxico, que son: Estaca de Bares e O Barqueiro; ría de Ortigueira e Ladrido; Costa da Morte; Complexo Ons- O Grove; Humedais da Terra Chá; Montes de Cervantes (Os Ancares); Ribeira Sacra Sur (Canón do Sil), Serra da Enciña da Lastra; A Limia; Oímbra, Monterrei e Verín.

Paralelamente á actividade feiral, tamén se desenvolverá un programa de actividades para os visitantes e expositores, xornadas técnicas e un encontro de traballo con operadores turísticos especializados.

Organizado pola Junta de Extremadura, o certame FIO está considerado como o máis importante do seu xénero no sur de Europa é constitúe unha cita obrigada para todos os especialistas e afeccionados á ornitoloxía en España.

Nesta feira estarán presentes desde empresas de turismo activo ata espazos naturais con alto valor ornitolóxico, pasando por aloxamentos rurais, fabricantes e distribuidores de material óptico e fotográfico ou publicacións especializadas.

Destino de turismo ornitolóxico
Galicia, situada a cabalo entre dúas rexións bioxeográficas -a eurosiberiana e a mediterránea- conta cunha orografía moi variada converténdose nun lugar perfecto para a observación de aves.
A súa posición estratéxica, un dos puntos máis occidentais de Europa, fai de Galicia un extraordinario lugar para o avistamento das migracións de aves mariñas.

Ademais, a nosa comunidade atesoura multitude de espazos naturais protexidos, entre os que destacan un parque nacional, seis parques naturais, 14 zonas de especial protección para as aves e cinco humidais declarados de importancia internacional polo Convenio de Ramsar.

Todo isto fai que Galicia ofreza excelentes oportunidades para a observación de aves en todo o seu territorio e ao longo de todo o ano.

Co obxectivo de impulsar o turismo ornitolóxico na nosa Comunidade, Turismo de Galicia está a desenvolver a Ruta Ornitolóxica que permitirá gozar destes recursos que diferencian a nosa Comunidade como destino.