
A actividade, organizada por AGAPEMA coa colaboración do Concello da Coruña, reunirá no Fórum Metropolitano a 72 alumnos e alumnas de 6.º de Primaria de once centros educativos
O vindeiro venres 25 de abril, o Fórum Metropolitano acollerá a fase de zona do XXIV Rebumbio Matemático, unha actividade promovida pola Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA), coa colaboración do Concello da Coruña. A proba desenvolverase entre as 10.30 e as 13.00 h e contará coa participación de 72 escolares de 6.º de Educación Primaria, pertencentes a once centros das áreas da Coruña e Ferrol.
Esta iniciativa didáctica busca fomentar a aprendizaxe das matemáticas a través do traballo cooperativo, a resolución de problemas e o desenvolvemento do pensamento crítico. Os participantes competirán en 24 equipos de tres integrantes, que resolverán conxuntamente seis retos matemáticos, valorándose tanto a resposta final como o proceso empregado, a creatividade, as estratexias e a expresión escrita.
O apoio institucional do Goberno de Inés Rey a actividades como esta reforza a liña educativa do Concello da Coruña, que aposta pola promoción do talento desde as primeiras etapas escolares.
O concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, destacou que “accións como o Rebumbio Matemático permiten que o alumnado se divirta aprendendo e desenvolvendo capacidades fundamentais como o razoamento lóxico, a colaboración e a resolución de problemas, valores que van máis alá do ámbito académico”.
Os centros participantes nesta edición son: CEIP Rabadeira e CPR Hijas de Cristo Rey (Oleiros); CPR Hijas de Jesús, CEIP Internacional de Eirís, CPR Peñarredonda, CPR Plurilingüe Calasancias, CPR Santo Domingo e CPR Grande Obra de Atocha (A Coruña); CPR Plurilingüe Montespiño (Culleredo); CPR Cristo Rey (Ferrol); e CPR Plurilingüe San José (Pontedeume).
Na mesma data, o Rebumbio celebrarase tamén en Lugo, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense, sumando un total de 237 estudantes de 42 centros educativos de toda Galicia.
Os tres mellores equipos de cada zona clasificaranse para a fase final galega, que se celebrará o 16 de maio na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. O grupo vencedor representará a Galicia na fase estatal, prevista para o mes de xuño en Murcia.
Os resultados da fase de zona publicaranse o 4 de maio nas páxinas web do Concello da Coruña e de AGAPEMA.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.