
A vía de acceso norte xa está aberta ao tráfico
As obras da vía que enlazará o polígono coa estrada de Razo están en execución
Sae a licitación o proxecto de instalación dunha báscula para o pesado de camións
Desde o ano 2020, o Concello de Carballo leva investido máis de 1 millón de euros no parque empresarial de Bértoa. Nestes cinco anos foron atendéndose de xeito gradual as principais demandas do empresariado para intentar facilitar a expansión industrial, captar o interese de novas empresas e contribuír a situar o polígono carballés á cabeza dos máis dinámicos de Galicia.
Nestes momentos está en marcha o proceso de licitación do subministro e instalación dunha báscula para a pesada de camións, cun orzamento de 146.814,46 euros. A báscula, que irá encaixada nun foxo soterrado, situarase nunha parcela de 1.180 metros cadrados de propiedade municipal, e tamén se habilitará o acceso a través dunha nova vía de 8 metros de ancho con pavimento de formigón para tráfico pesado. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 5 de maio.
Outra das demandas do empresariado era a apertura do denominado acceso norte para dar saída ao tráfico cara a estrada de Razo. A vía foi executada o ano pasado, cun orzamento de 118.175,47 euros, e xa está aberta á circulación, como puido comprobar o alcalde, Evencio Ferrero, nun recente percorrido no que estivo acompañado polo concelleiro Miguel Vales e a concelleira Maruxa Suárez.
A actuación incluíu os 45 metros lineais da ponte e os 325 do camiño pre-existente, que non podía usarse porque carecía tanto do ancho suficiente como do pavimento axeitado para o tránsito de vehículos pesados. A nova vía ten un ancho de 7,5 metros e unha capa de rodaxe de aglomerado.
A mellora das comunicacións do polígono tamén se reforzará coas obras da vía SX-VI, prevista no PXOM, que conecta a rotonda sur de acceso ao polígono coa avenida de Razo á altura do CCB Bergantiños, e que na primeira fase, que está en execución, chegará ata a rúa Médico Justo Martíñez. O investimento acada os 615.370,74 euros.
O aparcadoiro para camións, ao que destinamos 243.259,84 euros; as melloras de seguridade viaria e sinalización, por 181.329,36 euros, e a instalación de hidrantes, por 86.519,69, completan os investimentos realizados no parque empresarial de Bértoa nos últimos cinco anos.
Neste mesmo período establecéronse no noso polígono máis de cincuenta empresas e adxudicáronse as últimas parcelas por parte de Xestur, o ente autonómico encargado da xestión do solo industrial en Galicia. Na actualidade, o solo está esgotado, sen posibilidade de implantación de novas empresas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.