
“Desde o Goberno de Inés Rey queremos poñer en valor aqueles espazos simbólicos na loita polos valores democráticos”, sinala Gonzalo Castro
O Concello da Coruña remitiu esta semana ao Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática do Goberno de España a petición formal para que tres espazos da cidade sexan declarados como Lugar de Memoria Democrática. Trátase da Casa Cornide, da península da Torre de Hércules, Punta Herminia e Campo da Rata e da Casa Museo Casares Quiroga. O concelleiro de Cultura e Turismo, e responsable municipal de Memoria Histórica, Gonzalo Castro, xa adiantara o pasado 17 de febreiro a intención do executivo municipal de que a casa museo da rúa Panaderas figurase nesta listaxe.
“Desde o Goberno de Inés Rey queremos poñer en valor aqueles espazos simbólicos na loita polos valores democráticos que existen na Coruña e que toda a cidadanía poida vinculalos a distintos feitos históricos”, apuntou Castro. Segundo recolle o Goberno, un Lugar de Memoria Democrática é aquel espazo, inmoble, paraxe ou patrimonio cultural inmaterial ou intanxible no que se desenvolveron feitos de singular relevancia pola súa significación histórica, simbólica ou pola súa repercusión na memoria colectiva, vinculados á memoria democrática, a loita da cidadanía española polos seus dereitos e liberdades, a memoria das mulleres, así como coa represión e violencia sobre a poboación como consecuencia da resistencia ao golpe de estado de xullo de 1936, a Guerra, a Ditadura, o exilio e a loita pola recuperación e profundización dos valores democráticos.
No caso da Casa Cornide, desde o Concello e o Instituto de Estudios Coruñeses José Cornide sostense que cumpre todas as condicións da Lei de Memoria Democrática para ser declarado Lugar de Memoria Democrática.
Tanto o Pazo de Meirás como a Casa Cornide son dous perfectos exemplos da actuación da ditadura na cidade da Coruña. O matrimonio Franco-Polo instalouse noutras casas para pasar as súas vacacións, arrastrando consigo unha tupida rede de influencias, relacións e favores, pero estes dous edificios demostran, tanto polo proceso levado a cabo para a súa entrega, como nas posteriores actuacións que neles levaron a cabo durante anos, como entendía a ditadura a non distinción entre o público e o privado.
Por outra banda, no caso da Casa Museo Casares Quiroga, o informe remitido ao Goberno sostén que esta casa e os seus moradores están intimamente vinculados á defensa dos valores democráticos desde que nela se instalou Santiago Casares Paz, que tiña o cargo de concelleiro elixido polo partido republicano da Coruña e foi alcalde da cidade durante un breve período de tempo no ano 1917. O seu fillo, Santiago Casares Quiroga, herdou estes valores e defendeunos durante toda a súa actividade política, tanto desde o seu posto de concelleiro republicano na súa cidade como no exercicio dos cargos ministeriais que desempeñou na Segunda República.
Para a cidadanía coruñesa, a Casa Casares é un dos máximos referentes da represión e da barbarie cometidas polos franquistas, símbolo durante décadas do espolio de que foi obxecto, tanto a casa como os seus bens inmobles. De especial recordo polo tipo de documentación conservada é a enorme biblioteca perdida tras o proceso represivo, recuperada en parte. A Casa Museo é un dos espazos de maior actividade na actualidade, acollendo múltiples actos de lembranza e exaltación dos valores democráticos e da memoria histórica.
Por último, desde o Concello tamén se remitiu a proposta de que a Torre de Hércules, Punta Herminia e o Campo da Rata tamén sexan catalogados como Lugar de Memoria Democrática por encontrarse neles símbolos como a antiga cárcere provincial, o monumento Menhires pola paz, o Monumento aos fusilados da Guerra Civil, o Cemiterio Municipal de San Amaro e o memorial Xermolos de paz e liberdade.
Tras o triunfo da sublevación militar de xullo de 1936, a zona de Punta Herminia e o Campo da Rata foron lugares utilizados como campo de dor e morte de decenas de persoas apresadas polos sublevados, converténdose no lugar máis emblemático da cidade da represión por eliminación física das vítimas. O 24 de xullo de 1936 comezou na Coruña a barbarie da represión franquista e os fusilamentos no Campo da Rata e Durmideiras. Os sublevados aproveitaron a proximidade do cárcere provincial e a súa entón distancia da cidade para utilizar as vellas instalacións militares para que os pelotóns de fusilamento cumprisen as inxustas condenas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.