Monday 21 de April de 2025

O Concello executa novamente a roza dunha finca privada para cumprir coa xestión da biomasa


 Cabe lembrar que o primeiro procedemento deste tipo levárase a cabo por primeira vez na historia do municipio en agosto de 2024.

 O executivo local ordenou os traballos para hixienizar a finca, situada en Montecelo, que xeraba incomodidade ao resto da veciñanza ante a falta de mantemento.

O Concello de Paderne, por segunda vez na súa historia, vén de executar a roza dunha finca de titularidade privada en Montecelo. O espazo, que levaba anos sen mantemento, xeraba incomodidade á veciñanza debido ás condicións de insalubridade derivadas precisamente do abandono á que estaba sometida. Dada esta situación, o goberno local puxo en marcha os trámites legais pertinentes para localizar aos propietarios actuais.

Ante a imposibilidade disto, e a pesares da falta de actualización do Catastro, os servizos xurídicos do Concello de Paderne realizaron as xestións burocráticas necesarias para realizar a actuación. Esta consistiu na corta da maleza a través dos medios contratados polo executivo municipal, quen agora derivará a factura á persoa titular da propiedade privada. Cabe destacar que as sancións son de 900 euros por hectárea de superficie de parcela non xestionada.
“Logo dunha primeira execución deste calibre en agosto do pasado ano, levamos a cabo novamente unha acción deste tipo, o que amosa o noso compromiso non só polo benestar da veciñanza, senón tamén pola preservación e coidado do noso medio. Quero agradecer, de novo, o traballo dos nosos servizos xurídicos, nun procedemento administrativo complexo pero que finalmente veu a luz”, apuntou o alcalde, Sergio Platas.

O rexedor quixo lembrar que esta actuación nunha propiedade privada é “excepcional” e tan só se puido executar “despois dunha intensa labor burocrática, que foi o que provocou o retraso”. Neste sentido, Platas explicou que grazas a este traballo xurídico, a veciñanza non terá que pagar os custos desta roza.

Deja un comentario