Monday 21 de April de 2025

O trimestre primaveral de Poetas Di(n)versos reúne voces galegas xunto a poetas de México, India e Nixeria


A primeira sesión celebrarase este luns, 21 de abril, con Alberto Blanco e Xosé Luís Mosquera Camba

O último trimestre da 16ª edición do ciclo Poetas Di(n)versos traerá á Coruña voces de América, Asia e África ao carón das galegas. Tres novas citas coa mellor poesía en galego e en calquera outra lingua do mundo que poderán seguirse un luns ao mes ás 20.00 horas, no Auditorio do Centro Sociocultural Ágora e con entrada gratuíta ata completar capacidade. “O Goberno de Inés Rey promove este ciclo de tan alta calidade, que achega á cidadanía o mellor da poesía nacional e internacional e permite encher os espazos municipais de actividade”, sinala o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.

As sesións deste trimestre primaveral serán os días 21 de abril, 19 de maio e 23 de xuño. A primeira, este mesmo luns 21, contará coa presenza de Alberto Blanco (México) e Xosé Luís Mosquera Camba (Guísamo), dúas voces que teñen en común a súa veteranía e o seu vínculo profesional co campo plástico. Por outra banda, o luns 19 de maio será a quenda de Subhro Bandopadhyay (India) e Natalia Alonso (Foz), cunha poesía que trata de maneira delicada a linguaxe xa sexa en galego ou bengalí. Pecharán esta edición número 16 do certame David Odiase (Nixeria) e Lúa Mosquetera (Miño), dúas voces mozas, e por veces próximas ao spoken word, que contan nos seus poemas historias con rabia ou tenrura, tratando de mudar estereotipos.

O ciclo de lecturas públicas Poetas Di(n)versos está fundado e dirixido pola poeta e xestora cultural Yolanda Castaño –recoñecida o pasado ano co Premio Nacional de Poesía– e conta co apoio do Concello da Coruña. O ciclo continúa a ser unha cita de referencia única en España pola súa regularidade, diversidade e alta calidade literaria. Todas a lecturas ofrecerán folletos coleccionables coas biografías e poemas das persoas convidadas e emitiranse igualmente por streaming.

Alberto Blanco e Xosé Luís Mosquera Camba

Alberto Blanco (Cidade de México, 1951) é escritor, músico e artista visual. Igual de ecléctica é a súa formación académica, que xunta estudos de Química e Estudos Orientais especializados na área da China.

A súa produción literaria atinxe máis de setenta obras, contando o xénero poético, o ensaio (sobre todo no eido das artes plásticas) e a tradución. Como poeta ten publicados máis de trinta títulos en México e son varias as antoloxías que recollen a súa obra, entre as que destaca ‘Amanecer de los sentidos’ (1993).
Entre o seu primeiro libro, ‘Giros de faros’ (1979), e o máis recente, a nova edición de ‘La hora y la neblina’ (2018), transcorren trinta anos de impecable traxectoria na que recibiu premios tan prestixiosos como o Premio de Poesía Carlos Pellicer (1988) por ‘Cromos’ ou o Premio Xavier Villaurrutia polo primeiro volume da súa poética (que consta de tres libros), ‘El canto y el vuelo’.

O seu traballo foi traducido a máis dunha vintena de linguas, e como tradutor foi recoñecido co Premio Afonso X o Sabio á excelencia na tradución literaria, outorgado pola Universidade Estatal de San Diego en 2002.
Pola súa banda, Xosé Luís Mosquera Camba (Guísamo, 1961). É un escritor e artista visual que crea unha linguaxe simbólico-poética a través das colaxes. Con formación en Historia da Arte, na que se doutorou en 2004, exerce como docente no ensino público e é unha das voces máis libres da poesía galega, sempre híbrido entre a linguaxe poética e a plástica.

O seu primeiro libro publicado foi ‘A tensa calma da catapulta’ (2003). Despois virían ‘Nadja c’est moi’, que recibiu o Premio de Poesía Concello de Carral en 2008, ano no que o seu poemario ‘Amebas’ acadou o accésit do prestixioso premio Esquío de Poesía. Co libro de poemas ‘Das árbores tropicais e do amor’ gañou por segunda vez o Premio de Poesía de Carral en 2018.

A este libro seguirían títulos como ‘A traxedia da arquitectura’ e ‘Parhelio’, ambos os poemarios galardoados no mesmo ano, 2021, en certames da máxima relevancia no país, como son o Xosé María Díaz Castro e o Fiz Vergara Vilariño.
‘Trece maneiras de mirar un almanaque’ (2025) é o seu poemario máis recente e foi merecedor do XXVII Premio de Poesía Johán Carballeira. No ano 2007 editou en formato blog o híbrido poesía/colaxes ‘Biolencia’.

Deja un comentario