
Está prevista a participación de case un cento de entidades deportivas na contorna da Cidade Deportiva de Riazor
O Concello da Coruña celebrará o domingo 15 de xuño o XXXVIII Día do Deporte na Rúa, que suporá o colofón á actividade do curso 2024-2025 das Escolas Deportivas Municipais. A cita ten como obxectivo promover as diferentes disciplinas deportivas que se practican na cidade co obxectivo de promocionar os distintos clubs e entidades deportivas dun xeito lúdico e participativo e achegarlle á cidadanía os beneficios da práctica deportiva.
O Día do Deporte na Rúa contará cun total de 60 disciplinas deportivas dispoñibles dende fútbol, baloncesto, bádminton, ximnasia artística, taekwondo, escalada, marcha nórdica ou boxeo. Tamén se inclúen deportes náuticos como wáter-polo, wíndsurf ou natación, entre moitas outras. Todas as actividades se desenvolverán na contorna da Cidade Deportiva de Riazor e, en paralelo, haberá deportes náuticos nas praias de Riazor e Orzán.
Todas as actividades son de balde e abertas a todas as idades, e desenvolveranse en horario de mañá. Como cada ano, case un cento de entidades deportivas sumaranse á celebración deste Día do Deporte na Rúa, colaborando co Concello da Coruña co obxectivo de dar a coñecer as diferentes prácticas deportivas que se ofertan na cidade e completar unha programación ampla e diversa.
“O Goberno de Inés Rey mantén o seu apoio ao sector deportivo da cidade achegando e visibilizando o seu traballo entre a cidadanía e fomentando a práctica deportiva para todos os gustos e idades, ofrecendo unha programación multidisciplinar e aberta ao público”, sinalou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.