Wednesday 02 de April de 2025

O pleno solicítalle á Xunta e ao Estado a construción de vivenda pública en Ribeira 


Rematando o mes de marzo o pleno ordinario do Concello de Ribeira aprobou por unanimidade a expropiación forzosa dos inmobles necesarios para a execución do proxecto de “Recuperación e posta en valor da senda dos muíños de auga do río Saiñas”, unha subvención nominativa á asociación Culturmar para poder levar a cabo o XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, entre outros asuntos de relevancia. 

Aprobouse por unanimidade o expediente de expropiación forzosa dos inmobles necesarios para a execución do proxecto “Recuperación e posta en valor da senda dos muíños de auga do río Saiñas”. 

O Pleno da Corporación Municipal aprobou por unanimidade o proxecto recuperación e posta en valor da senda dos muíños de auga do río Saiñas cun orzamento total de licitación: 110.377,97 euros; o citado proxecto foi declarado de utilidade pública e interese social no pleno de xaneiro de 2025 co que se lexitima a adquisición dos terreos necesarios para a súa plena dispoñibilidade. 

No pleno ordinario de marzo aprobouse por unanimidade a relación de fincas a expropiar de conformidade co informe técnico emitido na data 13/03/2025 pola enxeñeira municipal, así como, someter a información pública a relación dos bens e dereitos de necesaria ocupación, co obxecto de que os/as interesados/as poidan formular alegacións sobre a procedencia da ocupación ou disposición dos bens e o seu estado material ou legal. 

Para estes efectos o expediente estará exposto no departamento de Secretaría do Concello de Ribeira e notificarase, de forma individual, a cada persoa propietaria das percelas. 

A concelleira de Medio Ambiente, Antía Alberte, subliñou que “é un grande proxecto non só polo seu lecer, senón que é unha vía de toma de conciencia de valor natural e patrimonial que nos afecta. Antía defendeu este tipo de proxectos que poñen en valor os espazos naturais. 

Aprobado por unanimidade destinar 40.000€ a impulsar o Encontro de Embarcacións Tradiconais 

A Corporación aprobou a modificación da Base nº 51 de execución do orzamento municipal co que se permitiu establecer unha subvención nominativa ao XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia (Culturmar) por un importe de 40.000 euros. Esta modificación aprobada por

unanimidade facilitará aos acredores de subvencións nominativas, dispor dun adianto da propia subvención de até o 50% para poder levar a cabo dita actividade subvencionable. 

O rexedor, Luís Pérez Barral, puxo en valor a subvención nominativa do Encontro de Embarcacións Tradicionais sinalando que no pasado mes de marzo do ano 2024, a candidatura de Ribeira celebrada a asignación da sede dos encontros do ano 2025 despois de 32 anos de que “Ribeira tivera a honra de ser a primeira sede de ditos Encontros” e engadiu que “Ribeira será unha ventá ao mundo onde mostrará a súa cultura, a súa forma de ser, as nosas embarcacións e a nosa cultura mariñeira”. Pérez Barral informou que esta celebración será unha oportunidade para que as novas xeracións revivan e aprecien as técnicas, as habilidades e coñezan os barcos nos que se traballaba e que pasaron de xeración en xeración. 

O segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, indicou que dita modificación esta plenamente na legalidade establecida e “que afecta á subvención nominativa que nos ocupa e por extensión, ao total de subvencións nominativas que se vaian a tramitar no concello e polo tanto entendemos que é unha mellora e hai que levalo a cabo” concluíu. 

A concelleira de Facenda, Herminia Pouso, indicou: “é un evento que entendemos que vai a xerar unha importante dinamización económica en Ribeira”, tamén defendeu dita modificación argumentando que “hai que darlle facilidades a este tipo de entidades asociativas para darlle a posibilidade de contar con recursos económicos para afrontar os gastos que teñen que acometer de forma anticipada previo ás actividades en cuestión; e con esta finalidade se exporá a viabilidade de dar forma a ese anticipo do 50% sen ter que esixirlle a contra-prestación do aval bancario do 20% asociado ao a dito anticipo”. 

Aprobada a Delegación Inspección do Imposto sobre Construcións Instalacións e Obras (ICIO) á Deputación da Coruña. 

No pleno do concello en data 27 de xaneiro se aprobou de xeito provisional a delegación na Deputación da Coruña a potestade de inspección do Imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), así como das taxas de vindicadas por outorgamento de licenzas de obras ou urbanística e pola realización das actividades administrativas de control nos supostos nos que a esixencia de licenza fose substituída pola presentación de declaración responsable ou comunicación previa, así coma a recadación voluntaria e executiva das liquidacións derivadas das actuacións inspectoras e exercicio da potestade sancionadora das infraccións que se puidesen derivar dos devanditos procedementos

Aprobouse no día de hoxe por 11 votos a favor do Goberno por 10 en contra da oposición a competencia de e potestade de inspección do Imposto sobre construcións, instalacións e obras á Deputación da Coruña. 

Pouso valorou a medida “que nos vai a axudar a aplicar de xeito correcto todo aquilo referente a proxectos e estudos técnicos que realmente non estean acordes á valoración do custo das obras no mercado” e engadiu “tamén nos vai a servir respecto ás comunicacións previas para que teñan un seguimento máis directo en canto á fiscalización de ese imposto de construcións” e rematou dicindo, “non se trata de penalizar aos contribuíntes senón que se trata de aplicar unha fiscalidade máis xusta e equitativa para a veciñanza”. 

Colomer criticou a ausencia de alegacións prometidas pola oposición o 27 de xaneiro, “entendo que o que se ía a alegar a defensa de quen non fai ben as declaracións e como isto non ten encaixe e ningunha normativa optaron por non facelas”. 

Proposta sobre o acceso á vivenda. 

Con 20 votos a favor do PP, BNG, PBBI e un en contra do PSdG aprobouse unha iniciativa que insta ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana a facer a cesión gratuíta e inmediata da parcela da Sareb situada na Avenida de Coruña á Xunta de Galicia e tamén instar á Xunta a realizar, unha vez cedida dita parcela, un proxecto de construción de vivendas protexidas acorde coas necesidades da poboación. 

A iniciativa tamén insta á Xunta de Galicia a colaborar co Concello de Ribeira na acción de adquisición e rehabilitación de inmobles en estado de ruína e en desuso para poñelos a disposición en réxime de alugueiro asequible e solicítalle á Xunta de Galicia a incluír concello de Ribeira nos programas previstos para a construción de vivencia protexida. 

Suárez-Puerta informou que “o Proxecto Viena quedou deserto polo tanto a Sareb cerrou a licitación de dito proxecto sen concorrencia pola cal morreu e non ten sentido o que se plantexa porque xa non está vixente actualmente”. 

Herminia Pouso reflexionou do sucedido no pasado, “moitas edificacións quedaron a piques de rematar e se converteron nun verdadeiro pesadelo para os Gobernos Municipais con problemas de convivencia para a veciñanza,  sabemos os edificios da Sareb que hai, penso que sería unha boa vía de traballo”, tamén falou da reunión recente coa conselleira de Vivenda, María Martínez Allege, “dounos liñas de orientación e se lle deu a posibilidade dos edificios de abandono de Ribeira, buscarlle unha solución e que o concello poda actuar facéndose cargo dos inmobles coa axuda da Xunta”.

A concelleira de Promoción Económica, Genoveva Betanzos afirmou que “a promoción de vivenda pública é competencia da Xunta de Galicia, algo que durante anos deixaron sen atender facendo que a dispoñibilidade de vivenda protexida durante anos fora nula ou case nula”, e engadiu “o noso obxectivo é que a Xunta colabore co Concello para facer unha bolsa pública cos activos da Sareb”. 

O alcalde, Luís Pérez Barral, argumentou que “na Estratexia Galega de Solo Residencial lanzada pola Xunta, incluíase ás sete grandes cidades e tamén incluía a Vilagarcía pero non outros municipios como Ribeira e “dende o goberno local imos defender que aquí tamén se deben facer promocións de vivenda pública asequible para a poboación”. Pérez Barral informou que durante a reunión coa conselleira de Vivenda, trasladóuselle a necesidade de que no municipio se desenvolvan este tipo de vivendas debido aos altos alugueiros e tamén se informou dos traballos que está a realizar o goberno local “para facerse coas edificacións que agora mesmo están sen uso ou en estado ruinoso para que poidamos optar a subvencións ou convenios de colaboración para poñelas en uso”. 

Para rematar o pleno aprobou outra iniciativa para analizar a posible instalación de saneamento e melloras na contorna da casa da cultura de Olveira con 20 votos a favor de PP, BNG, PBBI e unha abstención do PSdG.

Deja un comentario