Wednesday 02 de April de 2025

O concello investirá 143.000 euros na mellora da estrada local que comunica A Laracha con Cerceda


O proxecto será adxudicado a Construcciones Ponciano Nieto S.L.

A estrada local que dirixe desde A Laracha ata Cerceda por Requesende (Golmar) e A Xesta (Soutullo), vertebradora das comunicacións nesa parte do termo municipal, vai ser obxecto dunha ampla intervención no tramo entre o cruce das Cardosas e Vilanova.
O sector obxecto da intervención presenta unha lonxitude de 1.060 metros e unha anchura media da plataforma da calzada de sete metros sen incluír as beiravías. Vaise renovar o firme, contemplándose a regularización dos peraltes para unha maior seguridade na circulación e favorecer a evacuación das augas pluviais cara o exterior, limparanse as cunetas para protexer a estrutura do pavimento e será reposta a sinalización vertical e horizontal.
O proxecto tamén prevé a mellora do acceso ao propio núcleo de Vilanova, do mesmo xeito mediante a renovación da superficie de rodadura, o acondicionamento das marxes da calzada e a sinalización. Neste caso a lonxitude da estrada é de 150 metros cunha anchura media de 4,20 metros.
Construcciones Ponciano Nieto S.L. será a adxudicataria da execución das obras do proxecto, que está valorado en 143.000 euros e será financiado integramente con fondos propios municipais. Foron oito as empresas que concorreron ao procedemento de contratación desenvolvido polo sistema de licitación aberta.

Deja un comentario