Wednesday 02 de April de 2025

A alcaldesa Goretti Sanmartín sitúa a Casa Xohana Torres como un equipamento esencial con atención de 9 a 19 horas


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentou este martes detalles da adxudicación do servizo e asistencia técnica para a coordinación e funcionamento da Casa das Mulleres Xohana Torres e do servizo de asesoramento LGBTIQ+. A rexedora, acompañada da directora do CIM, Teresa Furelos, destacou que este equipamento situáse como espazo de referencia, con programación e atención regular para dar resposta ás demandas das entidades feministas e LGTBIQ+. Como principais novidades, o centro prestará atención presencial e en remoto en horario de 9 a 19 horas de luns a vernes, e contará cun Servizo de Asesoramento LGBTI+.

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do contrato de servizo e asistencia técnica para a coordinación e funcionamento da Casa das Mulleres Xohana Torres e do servizo de asesoramento LGBTIQ+ á empresa DELOGA (Desenvolvemento Local Galego), por un importe de 142.230 euros e para unha duración de dous anos.

“Culminamos así o proceso de licitación co que apostamos por converter a Casa Xohana Torres nun espazo de referencia, con programación e atención regular, que incorpore entre os seus servizos o asesoramento LGBTI, un compromiso político que adquiriu este Goberno recollendo así unha das demandas do movemento asociativo LGBTI do noso concello”, explicou a rexedora, que reiterou a súa aposta por converter este espazo nun “equipamento esencial da área de igualdade do concello”.

Horario continuado

Con este novo contrato, o horario de atención da Casa Xohana Torres será de 9 a 19 horas de luns a venres, combinando horas de atención presencial na casa, que ata o de agora se limitaban a dous días ao mes, con atención en remoto a través do correo electrónico e o teléfono. Tamén se incorporará unha programación de actividades propias da casa máis estable, que se irá actualizando en función das necesidades detectadas a través do traballo comunitario. “O obxectivo é ofrecer unha programación ambiciosa que cubra actividades relacionadas coa prevención e actuación fronte ás violencias machistas, educación e saúde sexual, interseccionalidade e antirracismo ou saúde mental e auto-coidados”, detallou Goretti Sanmartín.

Servizo de Asesoramento LGBTI

Unha das grandes novidades será a incorporación dun Servizo de Asesoramento LGBTI e unha oferta de actividade específica que cubra tamén as realidades das persoas LGBTI, identidade de xénero e diversidade sexual. “Tamén contemplamos a figura deses dous perfís profesionais para ofrecer atención psicolóxica e xurídica que nos permita non só atender a persoas e colectivos que se dirixen á casa na busca dunha atención ou asesoramento máis xenérico, senón poder ofrecerlles tamén unha atención integral que contemple os dous aspectos psicolóxico e xurídico”.

Perfís especializados en igualdade

A Casa Xohana Torres estará xestionada por un equipo multidisciplinar formado por 6 perfís profesionais: unha persoa responsable da coordinación xeral da casa, unha persoa especialista en políticas de xénero, unha persoa de comunicación e unha educadora social. Para a atención específica do Servizo de Asesoramento LGBTI, contaremos con servizo de asesoría xurídica e psicoloxía. Todos os perfís profesionais que se incorporen á casa deberán ter formación específica en igualdade. Con este equipo multidisciplinar actuarase sobre tres eixes: na coordinación e dinamización da actividade propia da Casa; na atención e asesoramento a persoas e colectivos; e no aspecto da intervención comunitaria.

Deja un comentario